Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto de cen persoas participan nas I Xornadas lucenses sobre Prevención de Drogodependencias


# Xoves, 19/04/2007
O Alcalde aposta pola educación, como arma de prevención, e anima ó Ministerio de Sanidade a presentar unha nova Lei do Alcohol

O Servizo Municipal de Drogodependencias é exemplar en Europa e asesora á Axencia Internacional Antidrogas.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou as “I Xornadas lucenses de Prevención de Drogopendencias: misión globalizadora”, organizadas pola Concellería de Muller e Benestar Social e que teñen lugar este xoves e venres no centro social Uxío Novoneyra. O Alcalde estivo acompañado neste acto pola Concelleira de Muller e Benestar Social –Carmen Basadre-, o Subdirector Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias -Víctor Pedreira-, o Delegado Provincial da Consellería de Sanidade –Miguel A. Rodríguez-, o Subdelegado do Goberno –Jesús Otero- e o Conselleiro Técnico do Goberno do Plan Nacional de Drogas –Francisco Rabago-.

López Orozco destacou o papel primordial das familias na prevención da drogadicción: “ou as familias toman plena conciencia do que está a pasar, ou o temos moi difícil. As administracións soas non facemos nada”, afirmou. O Alcalde engadiu: “Eu vou ó botellón, non para beber senón para falar coa xente nova. Só unha mínima porcentaxe de mozos saben o que están facendo, a maioría non é consciente”. Para o mandario municipal “non se trata de afrontar o botellón a base de medidas policiais, como piden moitos veciños do Parque e o entendo. Trátase de educación”. O Alcalde constatou que o problema está sendo maior entre a poboación feminina, que incorpora costumes tradicionalmente masculinos como o alcohol ou o tabaquismo.

Por todo isto, o Alcalde reafirmou o seu apoio á Ministra de Sanidade, “sei que son un dos poucos que o dixen publicamente e volvo dicilo”, co fin de que retome a Lei do Alcohol, a redeseñe con tempo suficiente e sentido común, e afronte o problema do botellón.

Felicitacións ó servizo municipal

José López Orozco agradeceu as felicitacións que recibiu o Servizo Municipal de Prevención, cualificado polo Conselleiro Técnico do Goberno do Plan Nacional de Drogas como “uno de los pocos programas con tanto interés y que ha evolucionado tan bien”.

Preto de cen persoas, entre especialistas e traballadores do sector, están inscritos para participar nestas xornadas gratuítas. As xornadas nacen como resumo do intenso traballo realizado nestes anos polo Servizo de Prevención de Drogodepencias, posto en funcionamento neste mandato de José López Orozco e co-financiado polo Plan de Drogas de Galicia e o Plan Nacional Antidrogas -que concede orzamentos dos bens decomisados-.

O excelente traballo desempeñado por este servizo fixo que fose seleccionado polo Ministerio de Sanidade para asesorar á Axencia Internacional Antidrogas en materia de campañas de prevención. Para levar a cabo esta misión, técnicos do servizo estiveron desprazados en Rumanía, onde están as oficinas deste organismo internacional.

Outra actividade deste servizo é Cine Ensino, que acaba de concluír, e no que participaron 820 alumnos do primeiro ciclo de Secundaria de dez centros de ensino da cidade de Lugo.
Destaca tamén o programa Educar para previr, que se desenvolve ó longo do curso escolar nos colexios da cidade e vai dirixido a nenos de 5 a 12 anos. Consiste nunha serie de actividades didácticas para fomentar un espírito crítico. O número de escolares participantes incrementouse de 1.632 no ano 2005 a 2.392 no ano 2006.
O servizo realiza numerosos cursos de formación: para monitores, nais e pasi, de saúde, axendas preventivas, unidades didácticas, prevención a través do teatro, etc.

Xornadas intensas

As I Xornadas Lucenses de Prevención de Drogodependencias están destinadas a divulgar as tarefas de prevención de distintas organizacións, así como algunhas das iniciativas existentes no ámbito da prevención de drogas a nivel nacional.

Están dirixidas principalmente a profesionais das distintas administracións públicas, entidades privadas e asociacións, así como estudantes e voluntarios interesados no tema, especialmente dos ámbitos da educación, psicoloxía e saúde.

Comezaron dous días de ponencias e actividades que contarán con profesionais de prestixio dos distintos ámbitos relacionados coa drogadicción. Estarán representantes do Plan nacional de Drogas, da Garda Civil, Policía Nacional, asociacións contra a droga ou expertos en psicoloxía e saúde mental.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova