Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O pregón de Jesús Cao abre o programa de Entroido elaborado polo Concello


# Xoves, 15/02/2007
Será o venres, ás oito da tarde, na Casa Consistorial

O pregón a cargo de Gerardo Jesús Cao Peón, presidente da asociación de antigos alumos da Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón dará mañá, venres, o pistolezao de saída ao programa festivo de Entroido deseñado polas Concellerías de Cultura, de Muller e Benestar Social, de Xuventude e de Deportes.

O pregoeiro destaca no mundo da cultura municipal pola súa aportación como organizador da Feira Medieval que se celebra en Lugo con motivo das festas de San Froilán.

Unha vez finalizado o pregón, que se pronunciará na Casa do Concello ás oito da tarde, actuarán as charangas Trompo das Nieras e Paradela. Á mesma hora, haberá teatro na rúa cos Quinquilláns e a obra Viaxe ao fondo do mar.

Como sempre, no programa, que se prolonga até o mércores, manteranse as actividades estrela, como os concursos de disfraces, que terán lugar o sábado para rapaces e o martes para adultos. No caso dos pequenos, haberá dúas categorías, de disfraz convencional e disfraz reciclado con premios para os tres primeiros clasificados en individual, parellas e comparsas. Os premios serán lotes de libros. O desfile previo ao concurso sairá da praza da Soidade ás cinco da tarde e estarán acompañados por catro pierrots xigantes e do grupo de percusión Alkora.

A organización explicou que non se permitirán inscricións para o concurso depois das dúas da tarde dese mesmo sábado. Do mesmo xeito que para adultos non haberá inscrición con posterioridade ás dúas da tarde do luns anterior.

En adultos este ano repartiranse un total de 9.000 euros en premios, tamén para distintas categorías e con varios accésits.

Ademais, novamente haberá concurso de disfraces en Montirón, organizado pola asociación de veciños do barrio. Será o domingo, ás catro da tarde.

GASTRONOMÍA

Outra das novidades desta edición será un concurso e degustación de orellas e filloas que se celebrará o luns, a partir das catro e media da tarde na praza Maior. O prazo de inscrición para esta primeira edición, coa que se pretende ofrecer unha mostra máis dos produtos típicos, remata o venres día 16.

Para promocionar a gastronomía de Entroido, a praza da Soidade acollerá novamente a Feira de Produtos Típicos, que estará amenizada pola música das charangas durante a mañá do sábado. Por outra banda, o domingo será a vez da comida de Entroido, que se celebrará no Centro Social da Milagrosa, aberta a toda a poboación e por un prezo de 6,25 euros por plato. Ao finalizar a comida haberá un baile de disfraces con música en directo. Servirase un concido de Entroido.

Ás sete da tarde do domingo, a praza Maior será o centro de reunión da mocidade lucense coa gran chocolatada que se celebrará, amenizada polo grupo Os Solfamidas, a partir das cinco da tarde.

A música de charanga terá un papel determinante durante toda a festa. Este ano por primeira vez haberá até un total de 15 que chegarán a todos os barrios de Lugo, para extender a todos os rincóns a esencia da festa do Entroido.

Completará o programa tamén unha actividade lúdica destinada aos rapaces de 5 a 14 anos. Trátase de inchables acuáticos, que estarán na piscina municipal das Pedreiras en horario de mañá e tarde. Tamén para os máis pequenos haberá unha festa de patinaxe o luns pola tarde no pavillón da Piringalla, organizado polo Club Lóstregos. Para completar o programa, o domingo e o luns, pola tarde, haberá unha exhibición de bicicletas na praza da Soidade.

O programa chegará ao seu final o mércores, 21 de febreiro, co tradicional Enterro da Sardiña, organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro. Sairá do Círculo das Artes ás oito da tarde e rematará na praza maior onde se cantarán os tradicionais ferretes.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova