Cargando....
Concello de Lugo
17/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O concurso de disfraces para nenos, prato forte da programación de Entroido do sábado


# Venres, 16/02/2007
O domingo haberá unha xantar popular, unha chocolatada para a xuventude e concentración de bicicletas, entre outras actividades

O gran concurso de disfraces para rapazas de rapaces de Lugo será o prato forte da programación de Entroido do sábado, programación que foi deseñada polas Concellerías de Cultura, de Muller e Benestar Social, de Xuventude e de Deportes.

O concurso terá lugar, como é tradicional o sábado a partir das cinco da tarde. Haberá dúas categorías, de disfraz convencional e disfraz reciclado, con premios para os tres primeiros clasificados en individual, parellas e comparsas. Novamente, os agasallos serán lotes de libros. O desfile previo ao concurso sairá da praza da Soidade ás cinco da tarde e estará acompañado por catro pierrots xigantes e do grupo de percusión Alkora, unha das novidades do programa.

No se admitirán inscricións no momento de inicio do concurso polo que esta terá que facerse antes das dúas da tarde do propio sábado nas oficinas da Concellería de Cultura, situadas na Casa Consistorial da praza Maior.

A parte musical da xornada estará a cargo das charangas Os Centellas e Tíralle do Aire, que percorrerán as rúas da cidade dende as sete da tarde.

Ademais, para promocionar a gastronomía de Entroido, a praza da Soidade acollerá novamente a Feira de Produtos Típicos, que estará amenizada pola música das charangas Os Amigos de Manolo e Os virtuosos do tinto durante a mañá do sábado.

Paralelamente a esta feira, a piscina das Pedreiras acollerá unha xornada de inchables acuáticos gratuíta para rapazas e rapaces de 5 a 14 anos. O horario será de once a dúas menos cuarto, pola mañá, e de cinco a oito, pola tarde.

Ademais, celebrarase o tradicional torneo de Entroido de xadrez organizado pola Concellería de Educación, a Escola Luguesa de Xadrez, a Asociación Cultural Xaquedrum e o diario El Progreso.

O torneo comezará ás dez e media da mañá e se prolongará até a unha e tamén de cinco a sete da tarde, dentro do circuíto Camiño do Scacorum.

Como en anteriores ocasións, haberá diferentes categorías, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 18 e tamén para familiares.

Dentro do programa dos centros sociais, o local de Díaz Castro acollerá o sábado un baile con música en directo a partir das seis da tarde. A esa mesma hora e ese mesmo día tamén haberá baile no Centro Social de Fingoi.

DOMINGO

Por outra banda, o domingo será a vez da comida popular de Entroido, que se celebrará no Centro Social da Milagrosa, aberta a toda a poboación e por un prezo de 6,25 euros por plato. Ao finalizar a comida haberá un baile de disfraces con música en directo. Servirase un cocido de Entroido.

No apartado gastronómico e organizado por Xuventude, ás sete da tarde do domingo, a praza Maior será o centro de reunión da mocidade lucense coa gran chocolatada que se celebrará, amenizada polo grupo Os Solfamidas, a partir das cinco da tarde.

Ademais, novamente haberá concurso de disfraces en Montirón, organizado pola asociación de veciños do barrio, ás catro da tarde.

As charangas Riazor e Os virtuosos do tinto actuarán a partir das sete da tarde nas rúas da cidade.

Para as mozas e mozos, aínda que aberta para todos os públicos, haberá unha concentración/exhibición de bicicletas organizada polo club Mad-Bikers en colaboración coa Concellería de Deportes. Será na praza da Soidade, na carpa situada para albergar os actos do programa.

A reunión manterase entre as catro e as nove da tarde e se repetirá o luns.

Pode consultarse o programa completo do Entroido en http://entroido.lugo.es/




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova