Imprimir

LUGO ACOLLE DENDE O PRÓXIMO LUNS AS VIII XORNADAS DE ARTES ESCÉNICAS COA PARTICIPACIÓN DE 14 GRUPOS


21/5/2007 A Concelleira indica que están rematadas as obras da nave das asociacións e do ascensor do aparcadoiro subterráneo da praza de Ferrol

Lugo acollerá dende o próximo luns e até o 13 de xuño a oitava edición das Xornadas de Artes Escénicas, levadas a cabo pola colaboración da Concellería de Muller e Benestar Social, a Escola de Arte e Lecer, o Colexio Fingoi e Palimoco Teatro.

Estas xornadas foron presentadas esta mañá por parte da Concelleira responsable de área, Carmen Basadre, a directora do Colexio Fingoi, Asunción Fernández, e a coordinadora da mostra, Paloma Lugilde.

Esta mostra foi creada para incentivar o teatro nos centros educativos, como un lugar de práctica e de ensino. Así, este ano participarán un total de 14 grupos, que ofrecerán 20 actuacións, todas elas no marco do Centro Social de Fingoi.

Estas actuacións están elaboradas para os grupos de escolares e abertas tamén ao público en xeral. Ademais, os actores conforman grupos entre os que figuran alumnos dende Infantil até Bacharelato de toda Galicia. Todas as obras son gratuítas e abertas a toda a a poboación.

O novo paso que se pretende dar a continuación e antes da próxima edición é conseguir a creación dun circuíto teatral entre todos os grupos con actividade teatral e poder amplialo ao resto de concellos da provincia e tamén de Galicia.

Entre todos os grupos presentes nesta edición destaca, polo seu simbolismo, a presencia o día 2 do grupo Muxicas Once Teatro, formado por unha compañía de invidentes de Ourense, que representará a obra “A Voda”.

Como explicaron hoxe os organizadores, ademais de teatro, pouco a pouco foron introducindo outro tipo de especialidades artísticas, como baile e curtametraxes. Estas pequenas introduccións no programa remataron co asentamento das mesmas. De feito, a organización mantén aberto o prazo de inscrición para o festival de curtametraxes e do apartado de baile.

Aínda que todos os centros educativos recibiron invitacións para asistir ou formar parte da exhibición, mantense aberto o prazo de solicitude de reserva de público para grupos de alumnos. Esta pode realizarse nos números de teléfono 982 221630 ou no 982 251536.

OBRAS

A preguntas dos periodistas, a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, indicou que estes días están a rematar as obras na nave das asociacións, que se está a remodelar no parque da Milagrosa (ao lado das piscinas descubertas).

Segundo indicou, antes da súa inauguración, será visitada polas asociacións para comprobar a súa accesibilidade e recabar posibles queixas de funcionamento, antes tamén do concurso de locais.

As asociacións visitarán tamén o ascensor do aparcamento soterrado da praza de Ferrol, que se está a rematar de construír estes días e que podería ser inaugurado para a próxima semana.

A Concelleira indicou tamén que en breve sairán as bases para que as asociacións entren a concurso para obter un local dentro da nave das asociacións.