Imprimir

3 MULLERES GAÑARON O CONCURSO DE ORELLAS E FILLOAS DO CONCELLO DE LUGO


19/2/2007 Trescentas persoas degustaron gratuitamente na Praza Maior os produtos típicos do Entroido

Mercedes Méndez na categoría de Filloa, Saleta Vázquez, na categoría de Crepe e María Antonia de la Villa na categoría de Orella foron as gañadoras do Concurso e Degustación de Orellas e Filloas do Concello de Lugo, tal e como fixo público o Alcalde despois da deliberación do xurado. Trescentas persoas congregáronse na carpa da Praza Maior para degustar gratuitamente estes produtos típicos do Entroido e gozar coa música das charangas.

Por vez primeira o Concello organizou un Concurso e Degustación de Filloas e Orellas dirixido á poboación en xera, agás os profesionais da hostalería. Presentáronse 10 filloeiras, todas elas do municipio de Lugo agás unha persoa de orixe exipcio.

Cada participante presentou, como mínimo, 5 orellas e 5 filloas. O xurado estivo formado pola Concelleira de Muller e Servizos Sociais, o Concelleiro de Infraestruturas, e o Presidente e Vicepresidente da Asociación Provincial de Hostalería. Segundo o xurado, foi difícil escoller porque todas eran de excelente calidade e sabor.

As participantes recibiron de mans do Alcalde un prato de cerámica de Bonxe en agradecemento polo seu tempo e dedicación. As gañadoras tamén levaron un obsequio municipal e un forte aprauso do público, que estaba desexoso de probar os produtos.

Ademais das concursantes, 5 filloeiras profesionais de Muimenta non deixaron de facer filloas durante toda a tarde para regalarllas ós presentes. O Alcalde axudoulles a facer filloas e a untar a prancha con touciño.