Imprimir

PECHA O CICLO ALUCINE COA PROXECCIÓN DO FILME CORRE LOLA, CORRE


24/5/2007 Será o venres, ás sete e media, no Uxío Novoneyra, organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias remata mañá, venres, o ciclo Alucine, subvencionado polo Plan Nacional de Drogas. A película elexida para o peche desta edición é “Corre Lola, Corre”.

Este ciclo contemplou a proxección de 12 películas de varias nacionalidades. Todas elas teñen un recoñecido prestixio, ao estar incluídas dentro do Plan Nacional contra as drogas.

As películas proxéctanse no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra, entre as sete e media e as nove e media da tarde.

Corre Lola, corre é un extraño filme alemán que arrinca cando faltan vinte minutos para o mediodía e Lola (Franka Potente) recibe unha chamada telefónica do seu mozo, Manni (Moritz Bleibtreu). O rapaz extraviou os cen mil marcos que lle tiña que entregar a un gángster e está decidido a asaltar un supermercado para volver a reunilos. A cita co mafioso é as doce en punto. Lola ten vinte minutos para idear a solución. Ou canto menos, para chegar a aquela esquina e abortar aquel atraco no que Manni leva todas as de perder.

A mesma historia relátase en tres ocasións pero con consecuencias diferentes en función do tempo. Corre Lola, corre é unha película que ensina o importante que é calquer momento e calquer segundo da vida.

Ademais, esta tarde de xoves, a partir das catro e media, entregaranse os diplomas aos participantes nos diferentes obradoiros organizados polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias entre os meses de marzo e abril. Os obradoiros “E ti… Comunicas?”, unha sesión de habilidades sociais, e “Mimando a nosa saúde”, un curso de educación para a saúde, se celebraron cunha ampla participación e o respaldo do Plan Nacional sobre Drogas.