Imprimir

CATORCE GRUPOS PARTICIPAN DENDE O LUNS EN LUGO NAS VIII XORNADAS DE ARTES ESCÉNICAS


25/5/2007 Haberá 20 actuacións, todas gratuítas e abertas á poboación, no Centro Social de Fingoi

Lugo acollerá dende o luns e até o 13 de xuño a oitava edición das Xornadas de Artes Escénicas, organizas pola colaboración da Concellería de Muller e Benestar Social, a Escola de Arte e Lecer, o Colexio Fingoi e Palimoco Teatro.

Esta mostra foi creada para incentivar o teatro nos centros educativos, como un lugar de práctica e de ensino. Así, este ano participarán un total de 14 grupos, que ofrecerán 20 actuacións, todas elas no marco do Centro Social de Fingoi.

Estas actuacións están elaboradas para os grupos de escolares e abertas tamén ao público en xeral. Ademais, os actores conforman grupos entre os que figuran alumnos dende Infantil até Bacharelato de toda Galicia. Todas as obras son gratuítas e abertas a toda a a poboación.

O novo paso que se pretende dar a continuación e antes da próxima edición é conseguir a creación dun circuíto teatral entre todos os grupos con actividade teatral e poder amplialo ao resto de concellos da provincia e tamén de Galicia.

Entre todos os grupos presentes nesta edición destaca, polo seu simbolismo, a presencia o día 2 do grupo Muxicas Once Teatro, formado por unha compañía de invidentes de Ourense, que representará a obra “A Voda”.

Ademais de teatro, nesta cita haberá tamén actuacións de baile e un certame de curtametraxes. A organización mantén aberto o prazo de inscrición para o participar neste festival.

Aínda que todos os centros educativos xa recibiron invitacións para asistir ou formar parte da exhibición, mantense aberto o prazo de solicitude de reserva de público para grupos de alumnos. Esta pode realizarse nos números de teléfono 982 221630 ou no 982 251536.