Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Consellería de Sanidade salientou que ao final da lexislatura duplicarase o orzamento do Plan de Drogas destinado a Prevención en materia de Drogodependencias


# Venres, 20/07/2007
Neste 2007 destinouse un 25 por cento fronte ao 18 por cento do inicio desta lexislatura

A Consellería de Sanidade promove a posta en marcha dun total de seis programas preventivos no último ano e medio
Esta mañá asináronse 79 convenios, con 64 asociacións e concellos, entre eles o de Lugo, cunha contía que supera os 12 millóns de euros

Ao acto acudiu a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Carmen Moya García

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.- A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, salientou que neste 2007 destinaranse 3.560.024 millóns de euros á prevención de drogodependencias, o que supón un 25 por cento do total do orzamento do Plan Galicia sobre Drogas en materia de prevención. María José Rubio Vidal comprometeuse, diante de representantes de 40 concellos e 24 asociacións, a continuar incrementando esta porcentaxe ata acadar o 35 por cento no ano 2009, o que supón duplicar a porcentaxe que se destinaba a prevención ao inicio da lexislatura, cando era do 18 por cento.

A titular da Sanidade pública galega destacou como moi preocupante “a baixa idade de inicio no consumo de drogas, a elevada prevalenza de certos consumos como o de cannabis, cocaína e alcohol, e a baixa percepción de risco asociada a estes consumos” e neste marco “as estratexias preventivas son fundamentais para tentar diminuír a dimensión dos problemas, incidindo tanto nos factores de risco que predispoñen ao consumo como nos factores de protección fronte ao consumo prexudicial”.

Os obxectivos da Consellería de Sanidade en canto á prevención, ademais de aumentar a carteira de servizos e programas, son os de mellorar a potencialidade destes programas, sinalou Rubio Vidal, “con procedementos avaliativos e de homologación que despois do verán serán publicados no Diario Oficial de Galicia, pois a prevención debe basearse en evidencias e non en suposicións”. Tamén se están a realizar actuacións para mellorar a formación dos profesionais que se dedican ás tarefas preventivas, a través de actividades formativas continuadas que se veñen desenvolvendo dende o pasado mes de outubro a través da Escola Galega de Administración Sanitaria.

No transcurso do acto, no que estivo tamén a Delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya García, presentáronse as primeiras conclusións dos seis programas e actuacións preventivos, así como material educativo, que a Consellería de Sanidade puxo en marcha no último ano e medio co apoio do Plan Nacional sobre Drogas, e a colaboración da Fundación Érguete Integración, Fundación Galicio Innova, Fundación Secretariado Gitano, Asociación Moucho e Plan Comunitario de Teis.

En concreto, os seis programas son Sisinfo, destinado á intervención con drogodependentes en situación de emerxencia social; Alternativa, para a intervención con mozos sancionados por consumo de drogas en lugares públicos; Creative, para a intervención nos lugares onde se realiza o botellón; Drogodependentes excarcelados e Itaca, que son diferentes actuacións preventivas no ámbito educativo promovidas pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas; e Acais (Ollos) de actividades preventivas co colectivo xitano. Dende a Consellería de Sanidade tamén se realizaron materiais educativos, como a carpeta titulada Dun vistazo ás drogas, destinado a alumnado de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria.

Sinatura de convenios
No acto procedeuse á sinatura de prórroga de convenios xa establecidos para o desenvolvemento de programas de tratamento, prevención e ou incorporación social de drogodependencias, e tamén dos novos convenios entre a Consellería de Sanidade e os concellos e asociacións para o ano 2007. En total, asináronse 79 convenios, con 64 entidades (24 asociacións e 40 concellos, que farán a súa actividade extensiva a 110 concellos) cunha contía que acada os 12.357.724 euros. Neste 2007, estes convenios contan cun incremento xeral do 11 por cento con respecto ao pasado ano 2006 para todas as áreas de intervención do Plan Galicia sobre Drogas.

Nesta liña, a conselleira de Sanidade destacou que “este orzamento, importante pero aínda insuficiente, ven a dar cobertura asistencial a través de 17 unidades asistenciais ambulatorias, dez unidades de día, e tres comunidades terapéuticas. Así mesmo, permite desenvolver de xeito continuado máis de 300 actuacións preventivas programadas e facilitar a inclusión social e/ou laboral de máis de 375 drogodependentes”.

CONCELLOS ASOCIACIÓNS
ASINADO HOXE TOTAL 2007 ASINADO HOXE TOTAL 2007
Prevención e/ou incorporación social 1.431.265 1.431.265 258.372 1.040.013
Tratamento 1.194.875 4.880.612 1.188.491 5.005.834
TOTAL 6.311.877 6.045.847

Prevención e/ou incorporación social
Un total de 110 concellos desenvolven actuacións no ámbito da prevención e ou incorporación social de drogodependecias para o que reciben, por parte da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, un total de 1.431.265 euros, 936.619 euros neste ano 2007 e outros 494.646 euros no 2008. En concreto son 40 os concellos asinantes que fan extensiva a súa actividade a 110; así na provincia de A Coruña están os concellos de Betanzos, Boqueixón, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Noia, Ordes (mancomunidade), Pontedeume, Rianxo, Ribeira e Santiago. Na provincia de Lugo, os concellos asinantes son Burela, Lugo -acudiu a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre-, Monforte, Ribadeo, Sarria e Vilalba. Os concellos que asinan por parte da provincia de Ourense, son os de O Barco, Carballiño (concello e mancomunidade), Celanova (mancomunidade), Ourense, e Verín (mancomunidade). Na provincia de Pontevedra, os convenios asínanse en Cangas, Catoira, A Estrada, Cuntis, O Grove, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Porriño, Redondela, Sanxenxo, Tui, Val Miñor (mancomunidade), Vigo e Vilagarcía.

No ámbito da prevención e incorporación social, asinouse tamén esta mañá a addenda ao acordo dos convenios con 22 asociacións privadas que xestionan programas de prevención e/ou incorporación social por importe de 258.372 euros. Con estas addendas, o financiamento global do 2007 para as asociacións privadas no ámbito da prevención é de 1.040.013 euros. Estas asociacións están a desenvolver 75 programas con máis de 200 actividades a cargo de medio cento de profesionais.

Tratamento de drogodependencias
Tamén se asinaron as addendas deste 2007 aos convenios con 13 concellos que xestionan programas de tratamento por valor de 1.194.875 euros (dunha contía total neste ano por valor de 4.880.612). Os concellos que xestionan servizos ou recursos de tratamento de drogodependencias son Ourense; Burela e Monforte, na provincia de Lugo; Cangas, O Grove, Pontevedra, Porriño, Vigo e Vilagarcía na provincia de Pontevedra; Carballo, Noia, Ribeira e Santiago, provincia de A Coruña.

Catro asociacións dedicadas ao tratamento de drogodependencias (ACLAD de A Coruña, Alborada de Vigo, Asfedro de Ferrol, e Cruz Vermella de Lugo) asinan addendas por importe de 1.188.491 euros neste 2007 (dun orzamento global deste ano que ascende a máis de 5.005.834 euros).

Outras liñas de actuación
A conselleira de Sanidade destacou outras liñas de actuación seguidas en materia de drogodependencias, ademais da prevención, como é a asunción progresiva da asistencia ao usuario ou usuaria de estupefacientes polo Servizo Galego de Saúde, un proceso complexo que se iniciou coa orde do pasado 12 de marzo de integración funcional dos centros de alcoholismo e drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde.

Tamén se están a redefinir e impulsar as actuacións de incorporación social, ampliando e incrementando o número de beneficiarios. Nesta liña, destaca a posta en marcha do programa de atención a drogodependentes que saen de prisión, e o financiamento de tres pisos de inserción, dous en Vigo e un en Ourense.

María José Rubio Vidal tamén destacou a colaboración e cooperación co entorno iberoamericano, enmarcado no Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009. Este é o segundo ano que se ten establecido colaboración cunha importante asociación que opera en Arxentina e que pretendemos ampliar a outros países como Perú. Neste eido, a titular da Sanidade pública galega tamén destacou a cooperación con Portugal, no marco do Interreg III, cun proxecto preventivos, asistencial e de formación coa Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal que conta cun orzamento total para o período 2006-2008 de 600.000 euros.

A titular da Sanidade pública galega tamén destacou dous proxectos importantes levados a cabo no espazo europeo neste último ano. Dunha banda, o irmanamento do Plan Nacional sobre Drogas coa Axencia Nacional Antidroga de Romanía, coa que se colaborou na formación do persoal asistencial e na implantación de estratexias preventivas locais nese país.

O segundo destes proxectos está impulsado polo Observatorio Europeo sobre Drogas e Toxicomanías, no que Galicia participará na elaboración dunha guía de criterios e indicadores de calidade en prevención.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova