Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde inaugura unha mostra sobre Mozart no centro Uxío Novoneyra


# Luns, 05/03/2007


Estará aberta ao público en xeral polas tardes e compleméntase con talleres realizados por especialistas do Museo Interactivo da Música

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, inauguraron esta mañá unha mostra sobre Mozart no centro social Uxío Novoneyra. A exposición ofrece, desde este luns e ata o día 30 de marzo, unha programación elaborada para os escolares sobre a figura de Mozart.

O Alcalde explicoulle a unha vintena de nenos de 6º de Primaria do Colexio Casás cómo as notas dan lugar ás sintonías. López Orozco animou ós pequenos a escoitar música clásica.

Esta programación consta dunha exposición sobre a figura do músico, na celebración do 250 aniversario do seu nacemento, e tamén da organización de talleres pedagóxicos a cargo do persoal do Museo Interactivo da Música de Málaga. O grupo de actividades está coordinado polo grupo Everest e organizado pola Concellería de Educación.

Esta serie de actividades recoñece a figura de Mozart como un dos músicos e compositores máis destacados da historia da música occidental. Preténdese por tanto que os escolares de Lugo coñezan, admiren e gocen, á vez que aprenden, deste xenio da música.

A exposición sobre Mozart contará con carteis informativos-educativos da vida e obra de Mozart, así como outro sobre a música e os instrumentos. As mañás, de dez a once e media, estará ocupadas polos grupos de escolares que visitarán a mostra e participarán nos talleres. Están dirixidos a rapaces de segundo e terceiro ciclo de Primaria. Por outra banda, de catro a nove da tarde, estará orientado ao público en xeral.

Haberá dous talleres. O das mañás consistirá nun percorrido pola vida e obra de mozart, vinculándose as obras deste xenio coas concepcións musicais que demanda o profesorado de música: o son, as familias instrumentais, a escala musical, etc. Todo isto téntase conseguir a través un taller altamento interactivo, con grupos non superiores a 50 alumnos para potenciar a participación. Terá unha hora de duración.

Para lograr o efecto desexado presentaranse elementos individuais e sinxelos experimentos de física para captar a atención do escolar.

Pola tarde realizarase un taller de pulsómetro. Con este experimento pódese observar como as composicións musicais de Mozart, acompañadas de imaxes neutras, son capaces non só de alterar o estado psicolóxico e emocional do participante senón tamén de cambiar a súa percepción sobre as imaxes que recibe. Para isto, recóllense mediante un pulsómetro os rexistros do pulso cardíaco da persoa.

Na web municipal, www.lugo.es, poden consultarse os horarios así como as peculiaridades deste programa, que visita por primeira vez Lugo e que tivo en éxito espectacular noutras cidades de España e do resto de Europa.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova