Imprimir

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR A SUBVENCIÓN PARA AS FOGUEIRAS E FESTAS DE SAN XOÁN


9/3/2007 O prazo remata o 20 de xuño para o primeiro grupo e o 1 de outubro para o segundo

O Concello de Lugo abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións á celebración de festas e actos tradicionais de Lume Novo (San Xoán) nas parroquias e barrios. Así se recolle no Boletín Oficial da Provincia publicado o xoves.

O prazo para cursar a solicitude remata o 20 de xuño para a celebración de Lume Novo e o 1 de outubro para as festas patronais. Os prazos redúcense con relación ao ano pasado, aínda que se manteñen as contías e o proceso de solicitude.

As contías da subvención teñen un máximo de 42.000 euros para as festas, con 600 euros para cada parroquia ou barrio do concello, mentres que as solicitudes non superen as 70. Ademais, haberá 8.500 euros para a noite das fogueiras, que se repartirá en partes iguais entre todos os solicitantes.

Os encargados de solicitar estas subvencións serán os presidentes das correspondentes comisións de festas, da asociación de veciños ou calquera persoa que xustifique a súa vinculación coa parroquia ou barrio. Deberán presentar a documentación solicitada no Rexistro Xeral do Concello antes da data que se recolle no BOE do xoves 8 de marzo

Todas as solicitudes remitiranse ao Servizo de Cultura, que se encargará de estudar a súa solicitude para a aprobación. Os interesados en obter máis información sobre este particular poden informarse no propio BOP, no Servizo de Cultura do Concello ou no teléfono de información municipal 010.