Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta un ambicioso programa de animación á lectura para os máis pequenos


# Martes, 20/03/2007
O servizo de préstamo a domicilio medrou un 100%

A Concelleira de Cultura aumentará o orzamento da Biblioteca Municipal e prepara políticas para seguir impulsándoa.

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou un amplo programa de actividades de animación á lectura na Biblioteca Municipal que porá en marcha o Concello de Lugo a partir do 22 de marzo e que vai dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos. Esta iniciativa enmárcase nas políticas de impulso da Biblioteca, que xa están dando os seus froitos no aumento do número de préstamos e socios.

O programa anual de animación á lectura e contacontos contempla, para o primeiro semestre do ano, numerosas actividades entre o 22 de marzo e o 21 de xuño: contacontos, charlas sobre María Mariño (a escritora homenaxeada nas próximas Letras Galegas), talleres, actuación dun clown, varias actividades infantís dentro da Feira do Libro, etc.

Concepción Burgo afirmou que “temos moito interese en potenciar a animación á lectura entre os nenos porque é nas idades tempranas onde poden fomentarse os bos costumes da lectura e a aproximación ó libro. Intentaremos facelo despois cos adolescentes porque, tras desta etapa, se o hábito da lectura está arraigado, recupérase despois do bache en moitos adolescentes”.

Impulso á Biblioteca

Este programa de animación forma parte das políticas postas en marcha para impulsar a Biblioteca Municipal. A Concelleira xa adiantou que para o vindeiro mandato un dos obxectivos é aumentar o orzamento municipal nesta dotación, mellorar as súas instalacións, solucionar os problemas de falta de espazo, comprar máis fondos e organizar máis actividades “nun intento de que sexa o que ten que ser: un centro cultural importante”.

Para Concepción Burgo “as bibliotecas xa non son un simple lugar de lectura, son verdadeiras animadoras socioculturais”. Proba disto son os datos do balance do ano 2006 da Biblioteca Municipal.

O servizo de préstamo a domicilio incrementouse nun 100% desde o ano 2004 ó 2006, pasando de 24.447 préstamos a 47.438. Aumentaron os fondos bibliográficos da Biblioteca ata preto de 24.000 obras, “empezamos a ter un fondo importante”, dixo Burgo.

Ademais dos libros –que son maioría-, hai numerosos audiovisuais e acceso gratuíto e libre a internet. Desde os últimos catro anos, mercáronse moitos audiovisuais, que cada vez son máis demandados entre os usuarios.

Por último, o ano pasado déronse de alta preto de 800 novos socios, acadando un total de 6.409.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova