Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrinca unha Semana Santa que aspira a ser Festa de Interés Turístico Galego


# Venres, 30/03/2007
O Vía Crucis do venres a a lectura do pregón o sábado dan inicio aos actos relixiosos

Esta noite de venres darán comezo os actos relixiosos de celebración da Semana Santa lucense coa celebración do Vía Crucis pola Muralla, a partir das oito e media.

Como manda a tradición, os participantes levarán velas accesas e gardarán absoluto silencio durante todo o percorrido. Este acto relixioso é único no mundo, por ter a característica de ser na Muralla.

Este tradicional acto, que dará comezo coa subida pola rampa da Porta de Santiago e dará unha volta completa ao monumento é tradicionalmente o primeiro da serie de procesións das que consta o programa e que este ano terá novidades.

A Semana Santa de Lugo aspira a convertirse en Festa de Interés Turístico Galego, tal e como lembra a Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, ao tratarse dun recurso turístico de primeira importancia para a cidade, xa que o ano pasado Protección Civil estimou que unhas 150.000 persoas presenciaron as procesións. Ademais, o ano pasado, a ocupación hostaleira en Semana Santa foi o dobre que en todo o mes de agosto.

De feito, o Concello está a preparar xa o dossier que acompañará a esta solicitude e no que figura un amplo estudo histórico “que nos permitiu redescubrir algunhas das marabillas desta cita e elementos importantes para consolidar a idea dunha Semana Santa enraizada e antiga”.

O pregón do sábado, a cargo do periodista Jenaro Castro Muíña, será a apertura oficial desta semana que organiza, como todos os anos a Xunta de Confrarías en colaboración co Concello de Lugo. Será o Círculo das Artes o esceario deste acto, ás oito e media.

Na mañá do domingo de Ramos os nenos serán os grandes protagonistas coa procesión da Borriquita despois da Bendición, que terá lugar na praza de Santa María. Esta procesión recolle o momento no que entra Xesús en Xerusalén con rapaces e rapazas ataviados como soldados romanos e xudeos.

Este ano, ás oito e media, recupérase a procesión da Virxe das Dolores, que deixou de saír no ano 1966. Está organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dolores de María Santísima. Está considerada unha das máis antigas cun pasado máis aló do século XVII.

No programa da semana destaca a procesión da Última Cea, que ten lugar o Xoves Santo, e que é única na Cristiandade por ser Lugo a Cidade do Sacramento; e tamén á do Santo Enterro, pola súa singularidade e á da do Domingo de Resurrección, protagonizada pola Virxe do Rosario, patroa do Concello.

Como en anteriores anos, estarán en Lugo a Marina, o Exército de Terra, a Policía Autonómica e a Policía Nacional. Segundo os datos da Xunta de Confradías, este evento supón a participación de entre 2.500 e 3.000 persoas, aínda que non todas saen como confrades.

Anunciou tamén que se recuperou un paso que fora deteriorado polas inclemencias do tempo, concretamente o Paso da Oración do Horto, que pertence á procesión da Virxe da Esperanza.

O Concello e a Xunta de Confrarías elaboraron unha guía das procesiones e un pequeno folleto de resumo más orientado aos turistas e dos que se repartirán 5.000 exemplares no primeiro caso e 7.000 no segundo.

Programa completo da Semana Santa en http://www.semanasanta.lugo.es/




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova