Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A banda deseñada e a música experimental centran as actividades de Lugo Cultural para o mes de abril no Campus lugués


# Luns, 09/04/2007


A banda deseñada con ‘Anda na Banda’ e a música experimental en ‘Músicas a carón da Mosqueira’ toman protagonismo no mes de abril no Campus lugués. Lugo Cultural organiza estas dúas iniciativas dirixidas non só aos universitarios senón tamén a toda a cidadanía.

Ambos os dous ciclos culturais presentáronse en Lugo nun acto ao que acudiron o vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo; o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez; e o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina Vázquez.

O vicerreitor de Cultura aproveitou a ocasión para destacar a innovación e vangarda que caracteriza aos dous proxectos presentados. Segundo explicou a encargada da Oficina de Cultura da USC en Lugo, Paloma Lugilde, ‘Anda na Banda’ pretende fomentar a lectura de banda deseñada e achegar aos lugueses as publicacións feitas en galego. Dentro desta iniciativa, que contou coa colaboración de Manuel Veiga Díaz, englóbanse exposicións, mesas redondas, e o intercambio libre de exemplares nas facultades e outros centros do campus. Así, o primeiro dos actos deste ciclo será a presentación do novo número de ‘BD Banda’, o martes 10 de abril, ás 20:00 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado.

Ao día seguinte, mércores 11, terá lugar a ‘Liberalización do cómic’, iniciativa pola que poderán ser intercambiados entre a cidadanía máis de 300 exemplares de diversas publicacións de banda deseñada. Ademais as persoas interesadas poderán dar a coñecer a súa opinión na páxina web www.andanabanda.com.

Outra das actividades previstas será a celebración, o mesmo mércores 11, dunha mesa redonda ás 20:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado na que se abordará a situación actual da banda deseñada. Participarán Carlos Portela, de ‘Viñetas dende o Atlántico’; Enrique Torreiro, organizador das xornadas do cómic de Ourense; Kiko Da Silva, de BD Banda; David Rubín, do colectivo Polakia; e o autor lucense Primitivo Marcos, moderados por Manuel Veiga.

Para completar o programa de actividades de ‘Anda na Banda’ a Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria acolle unha exposición con vintedúas obras de ‘O Novo BD Banda’. Permanecerá aberta ao público en horario de 9:00 a 21:00 horas ata o vindeiro 11 de maio.

Músicas a carón da Mosqueira
Este novo tramo do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ pretende achegar diferentes tipos de música ao público interesado, apoiando á xente nova que acaba de comezar. O proxecto xurdiu a partir da proposta da asociación ‘Mira el río baja’ por facer un encontro sonoro experimental en Lugo. A representante desta asociación, Antía Vilela explicou que a experimentación e a busca dos sons cotiás centran as actividades previstas para os días 13 e 14 de abril, entre as que se engloban mesas redondas, concertos, proxeccións sonoras e un seminario sobre os que as persoas interesadas se poderán informar a través da rede na páxina www.artesons.org.

‘A Música Libre no Contexto da Creación en Rede’ é o título da mesa redonda que se celebrará o venres, día 13, ás 17:30 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesoradopara analizar aspectos relacionados coas novas oportunidades de difusión mediante as licencias copyleft ou netlabels. Están convidados o antropólogo e artista sonoro, Chiu Longina; o produtor e músico lucense, Arturo Vaquero-Humanoid; a directora do grupo de creación sonora da Vicerreitoría de Cultura da USC, Inmaculada Cárdenas; e a xornalista, María Pérez. Como moderador exercerá o enxeñeiro e artista sonoro, Enrique Tomás.

A partir das 22:00 horas dese mesmo día, están previstas unhas proxeccións audiovisuais na Praza do Cantiño coas que se retratan temas como a proximidade emocional entre as cidades da Línea e A Habana ou o ambiente sonoro na Praia das Catedrais, a vida cotiá dunha colonia de formigas ou a obsesión pola artificialidade do ser humano. Todas as pezas son creacións de Inmaculada Cárdenas e de Arturo Vaquero. Tamén se proxectarán pezas dos colectivos EMI (Experimental Music Instruments) e ALG-A.

Durante o sábado 14, terá lugar a celebración do seminario ‘audio/acción’ organizado polo colectivo Escoltar.org e no que participarán os artistas sonoros Chiu Longina e Berio Molina e o musicólogo, Carlos Suárez. Este curso pretende ser un proxecto aberto e libre de aproximación ao patrimonio sonoro de Galicia e inclúe talleres de rexistro de paisaxes sonoras pola cidade. Comezará ás 11:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova