Cargando....
Concello de Lugo
17/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A Ministra de Cultura entregou ó Alcalde de Lugo o premio nacional Ciudad Patrimonio de la Humanidad


# Mércores, 11/04/2007
O Alcalde agradeceu emocionado este premio que recoñece o traballo feito polo Concello en favor do patrimonio

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu este mediodía en Cádiz das mans da Ministra de Cultura, Carmen Calvo, o Premio "Ciudades Patrimonio de la Humanidad" que concede este Ministerio. "Os lucenses témonos que sentir orgullosos grazas ó traballo en común que temos feito pola Muralla", afirmaba hoxe emocionado o mandatario municipal.

O Ministerio de Cultura premiou ó Concello de Lugo polo esforzo inversor executado nos últimos anos, dende que a Muralla mantén o título de Patrimonio da Humanidade. O galardón tamén valora a difusión, conservación, mantemento e rehabilitación da Muralla romana dende que foi distinguida como Monumento Nacional no ano 1921.

O Alcalde explicou que "isto significa máis turismo e máis investimento na nosa cidade." Por iso, xa avanzou que "imos continuar neste traballo. A Muralla é coñecida e querida por todos os lucenses e por miles de persoas que non son do noso municipio. O premio é un punto e seguido. Melloraremos o traballo para que cada día veñan máis persoas á nosa cidade. É un aumento constante e iso vai favorecer á economía do conxunto de Lugo".

O acto tivo lugar na Deputación Provincial de Cádiz e estivo presidido pola Ministra de Cultura, Carmen Calvo, acompañada polo titular da Corporación, Francisco González Cabaña, e o Director General de Bellas Artes y Bienes Culturales do Ministerio, Julián Martínez García.

A entrega dos premios correspondeuse a dúas edicións: a do 2005 (cando foron premiadas Santiago e a Universidade de Andalucía) e 2006 (con Elche e Lugo). Ademais, no mesmo acto tivo lugar a entrega das distincións dos premios "Artes Plásticas, Fotografía y Restauración y Conservación de Bienes Culturales".

Traballo polo patrimonio
No dossier presentado polo Concello para o premio aválase un investimento municipal nos últimos anos de 7.530.138 euros nas áreas de arqueoloxía, medio ambiente, deportes, infraestruturas e gabinete de tráfico en favor da Muralla.

Destacan outro tipo de actuacións, non contabilizadas economicamente, nas que se recollen actuacións para a promoción do monumento no ámbito da cultura e turismo, así como publicacións arqueolóxicas ou congresos. O premio está dotado con 9.015 euros.

Trátase do terceiro galardón recibido nas últimas semanas polo Alcalde de Lugo. Recibiu na Zarzuela o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade, en Barcelona o Percebe de Ouro da comunidade galega en Cataluña e agora en Cádiz o Premio Ciudad Patrimonio de la Humanidad.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova