Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O papel das Humanidades no contexto social e cultural debaterase na terceira edición do Curso de Primavera


# Xoves, 12/04/2007


O Curso de Primavera da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo analizará entre os vindeiros días 16 e 20 de abril o papel das Humanidades no eido educativo, cultural e social, nunha iniciativa enmarcada no programa de actividades de Lugo Cultural. Este curso, que se celebra por terceiro ano consecutivo, pretende invitar á reflexión sobre a tradición, o estado presente e as perspectivas de futuro dos estudos humanísticos. As persoas interesadas poderán validar a asistencia a este encontro, de carácter gratuíto, por un crédito de libre configuración .

O programa destas xornadas, que conta con dezasete conferencias e varias actividades culturais, presentouse este xoves, día 12, nun acto no que interviron o vicerreitor de Coordinación do Campus, Carlos Herrero Latorre, e o co-organizador das xornadas e decano da Facultade de Humanidades Alexandre Veiga. Ambos os dous coincidiron en sinalar a oportunidade da temática escollida para esta edición pola preocupación sobre a reestruturación destes estudos no novo Espazo Europeo de Educación Superior. Á presentación tamén acudiron os representantes de Lugo Cultural, a concelleira do Concello de Lugo Concepción Burgo; a deputada provincial Fé Rocha; o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez; e o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina Vázquez.

A inauguración do curso correrá a cargo de Xesús Alonso Montero o luns, día 16, ás 12:00 horas, quen disertará sobre a evolución das humanidades. Ese mesmo día ás 16:15 a escritora Marta Rivera de la Cruz falará sobre ‘Os libros nos libros’, seguida do profesor da Escola Universitaria de Formación do Profesorado Manuel Fernández Rodríguez que analizará as metodoloxías integrais e interculturais. Ás 18:30 horas será a quenda do profesor da Facultade de Humanidades Xaquín Rodríguez Campos que tratará a relación entre as humanidades e a integración social europea. A sesión rematará cun relatorio sobre o futuro das humanidades a cargo do profesor da Facultade de Filosofía, Marciall Gondar Portasany.

O programa do martes 17 comezará, ás 16:00 horas coa profesora María Jesús Vázquez Lobeiras para falar ‘O custe da renuncia aos saberes humanísticos e o desafío interdisciplinar da filosofía intercultural’, a que lle seguirá Antonio Doval Adán coa intervención ‘O campo teórico e metodolóxico da Xeografía Humana na Licenciatura de Humanidades’. Tras unha pausa, o profesor Gonzalo Fernández Suárez amosará a súa perspectiva da paleografía na universidade galega e Antonio Presedo Garazo falará sobre os retos das Ciencias Humanas a principios do século XXI. Para rematar a xornada a profesora da Facultade de Humanidades Mª Ángeles Rodríguez Fontenla abordará a temática da vocación humanística dos estudos literarios.

O profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Mauro Fernández Rodríguez abrirá ás, 16:00 horas, os relatorios previstos para o mércores 18, analizando a relación entre a sociolingüística e a emigración, temática coa que continuará Manuel González cunha intervención sobre o ensino do galego aos estudantes estranxeiros. Deseguido, a profesora da EPS Ana Cabana Iglesia disertará sobre a interdisciplinariedade entre Ciencias e Humanidades e a profesora de Filoloxía Ana García Lenza pechará o programa do día co relatorio ‘Ecoloxía e Lingua: unha estraña parella’

O xoves 19, ás 16:15 horas terá lugar unha proxección cinematográfica e ás 19:00 horas o profesor da Facultade de Filosofía da USC, Manuel Ramos Montoro, analizará o papel das humanidades na formación do réxime democrático. A continuación, Antonio Somoza Callado falará sobre a cidadanía de Lugo no primeiro terzo do século XX.

No último día do Curso de Primavera, están previstas as intervencións da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo Inmaculada Concepción Báez Montero sobre a lingua de signos e da docente da Facultade de Humanidades de Lugo Mª Concepción Fernández López, dirixirá a actividade cultural ‘Peruigilium Veneris’/Alborada de Venus.

Antes da clausura do curso e da entrega das certificacións, a profesora da Nova Universidade Búlgara, María Kítova-Vasileva, será a encargada de facer o relatorio de clausura, falando neste caso da lingua nacional en condicións de globalización.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova