Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Oito grupos participan este ano na quinta edición da Mostra de Teatro Cidade de Lugo


# Xoves, 12/04/2007
Desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril no Auditorio Gustavo Freire e no Círculo das Artes

A Mostra de Teatro Cidade de Lugo voltará por quinto ano consecutivo aos escenarios lucenses a partir do 20 de abril, organizado polo Concello de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Escola de Arte e Lecer e a Plataforma de Grupos de Teatro de Lugo.

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo; o Vicerreitor de Cultura, Elías Elías Torres Feijoo; a Directora da Escola de Arte e Lecer, Asunción Fernández e Camilo Santos, do grupo Achádego, presentaron esta nova edición, que contará coa participación dun total de oito grupos: dúas compañías de teatro e títeres da USC de Lugo, cinco grupos de afeccionados e a Aula de formación teatral da Concellería de Educación.

Serán un total de cinco días de representacións, nos que se poderán ver un total de oito actuacións, todas a un prezo simbólico de dous euros. A recaudación irá destinada a cursos de formación teatral do programa Teateatre. As entradas venderanse media hora antes da función na taquilla.

O programa arrincará o día 20, ás oito e media da tarde, coa actuación da Compañía de teatro da USC de Lugo coa obra “O Público”, de Federico García Lorca. Ao día segunte, á mesma hora e no mesmo lugar, Achádego representará “O libro de ler e desler”. O día 22 haberá tres representacións. A primeira será ás catro da tarde no Círculo das Artes, e estará a cargo da Compañía de marionetas da USC en Lugo coa obra “Pirula no vertedoiro”. Ás oito e media Nova Escena representará “Cinco mulleres co mesmo vestido”, no Auditorio, e ás dez e media Nostrum-Cai Teatro porá en escea “Flash”.

As representacións continuarán o luns, día 23, ás oito e media. Será a Aula de formación teatral da Concellería de Educación a que representará, novamente ás oito e media no Auditorio, “Os cravos de prata”.

Os grupos Pinchacarneiro e Hipócrita Teatro serán os encargados de clausurar no Auditorio esta mostra o día 24. O primeiro representará “Pic-nic”, ás once e media, e o segundo a obra “Creba-cabezas”, ás oito e media.

Esta Mostra de teatro afronta como novidade este ano o cambio dentro da organización. Foi concebido e levado adiante durante os catro anos anteriores por Paloma Lugilde, ao fronte da Escola de Arte e Lecer, e pasou a ser organizada por esta plataforma de grupos para poder continuar con este evento que ano a ano aumenta o número de público.

Concepción Burgo destacou que este tipo de actividades son o motor fundamental “á hora de aunar esforzos para dar a coñecer a cultura que fan os grupos afeccionados sen recibir nada a cambio”. Destacou o traballo realizado estes anos polo relanzamento do teatro afeccionado e agradeceu o esforzo realizado por todos os grupos “en favor da cultura”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova