Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Inaugurado na Facultade de Humanidades o Curso de Primavera


# Luns, 16/04/2007


O Curso de Primavera que organiza Lugo Cultural na Facultade de Humanidades do campus lugués foi inaugurado este luns, día 16, no Salón de Actos do centro. Á inauguración acudiron o vicerreitor de Cultura da USC, Elias J. Torres Feijó; o decano da Facultade de Humanidades, Alexandre Veiga; e os representantes de Lugo Cultural, a concelleira do Concello de Lugo Concepción Burgo; a deputada provincial María José Vázquez Lorenzo; o presidente da Fundación Caixa Galicia-Claudio San Martín, Mauro Varela Pérez; e o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina Vázquez. A continuación do acto de inauguración o profesor Xesús Alonso Montero disertou sobre a evolución das humanidades.

O programa do encontro continúa pola tarde coa presenza a partir das 16:15 horas da escritora Marta Rivera de la Cruz quen falará sobre ‘Os libros nos libros’, seguida do profesor da Escola Universitaria de Formación do Profesorado Manuel Fernández Rodríguez que analizará as metodoloxías integrais e interculturais. Ás 18:30 horas será a quenda do profesor da Facultade de Humanidades Xaquín Rodríguez Campos que tratará a relación entre as humanidades e a integración social europea. A sesión rematará cun relatorio sobre o futuro das humanidades a cargo do profesor da Facultade de Filosofía, Marcial Gondar Portasany.

O programa do martes 17 comezará, ás 16:00 horas coa profesora María Jesús Vázquez Lobeiras para falar sobre ‘O custe da renuncia aos saberes humanísticos e o desafío interdisciplinario da filosofía intercultural’, á que lle seguirá Antonio Doval Adán coa intervención ‘O campo teórico e metodolóxico da Xeografía Humana na Licenciatura de Humanidades’. Tras unha pausa, o profesor Gonzalo Fernández Suárez amosará a súa perspectiva da paleografía na universidade galega e Antonio Presedo Garazo falará sobre os retos das Ciencias Humanas a principios do século XXI. Para rematar a xornada a profesora da Facultade de Humanidades Mª Ángeles Rodríguez Fontenla abordará a temática da vocación humanística dos estudos literarios.

O Curso de Primavera analizará ata o próximo venres, día 20, a relación das Ciencias Humanas con diferentes disciplinas. Este curso, que se celebra por terceiro ano consecutivo, pretende invitar á reflexión sobre a tradición, o estado presente e as perspectivas de futuro dos estudos humanísticos.

Exposición fotográfica
Paralelamente ao Curso de Primavera, a Facultade de Humanidades tamén acolle a II Exposición Fotográfica con instantáneas das xentes do Golfo de Guinea. Nelas pódense observar a nativos de países como Benin, Burkina Faso, Togo ou Etiopía, entre outros. A exposición trata de dar a coñecer a súa cultura e forma de vida cotiá a través das fotografías que se atopan nos espazos comúns do centro e nas que se poden observar aos habitantes destes lugares facendo as súas labores diarias, cos seus materiais de traballo e apeiros de labranza, xoias, ou os seus fogares.

A fotógrafa e comisaria da exposición é Mariluz Doval quen contou coa asistencia da secretaria da Facultade de Humanidades, Mª Concepción Fernández López e Natividad Sánchez Díaz.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova