Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O patrimonio natural e arqueolóxico de Lugo serán promocionados nunha revista alemana


# Luns, 23/04/2007
A Concelleira de Turismo reuniuse cos directivos da publicación xermana especializada de maior tirada en turismo

O Camiño Primitivo, as rutas polo Miño e Santa Eulalia de Bóveda habilitadas polo Concello e o patrimonio arquelolóxico servirán de argumento para unha reportaxe que está a realizar na nosa cidade a revista Wander Magazine. Esta publicación xermana especializada en turismo é a que ten a maior tirada do mercado. Esta revista distribúese en todos os países xermano-parlantes, como Alemania, Luxemburgo ou Austria.

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, mantivo esta mañá unha reunión con directivos e xornalistas da revista, na que tamén participaron hosteleiros da cidade, co fin de analizar os factores máis poderosos de Lugo que a convirten nun destino turístico de interese para os alemáns. Estes factores son: a natureza, o patrimonio artístico e cultural e a gastronomía, que coinciden cos elementos máis valorados polos turistas xermanos para elixir o seu destino turístico.

A edil explicou que o contido desta reunión fragouse nun contacto mantido o pasado novembro na Feira de Berlín, onde os encantos turísticos de Lugo foron descubertos por estes especialistas. Ademais do turismo natural e arqueolóxico que tanto lles gustou, Concepción Burgo aproveitou a ocasión para presentarlles outros aspectos do modelo turístico que pode ofertar Lugo, como son o turismo de saúde e beleza.

O arquetipo do turista alemán é o dun cidadán de clase media-alta de entre 28 a 50 anos que prefire organizar por conta propia as súas viaxes antes que acudir a un touroperador. O sendeirismo, coñecer o patrimonio histórico e saborear boas comidas son as súas preferencias á hora de viaxar e Lugo pode ofrecerllas.

Promoción turística

A Concelleira explicou que a aposta do Concello por promocionar a cidade en materia turística baséase en campañas de calidade e orientadas a atraer turistas “que deixen cartos na cidade”. Alemania e Italia contan con dúas das feiras de turismo máis importantes do sector, como son a de Berlín e a de Milán, polo que a presenza de Lugo supón un pulo para a atracción de turistas nos dous países europeos que máis nos visitan.

Alemania é o país que máis turistas envía ao extranxeiro, con preto de 77,4 millóns de viaxeiros o ano pasado. Ademais, nos últimos meses estase a observar un incremento de visitantes xermanos que aproveitan os voos de baixo custe a Santiago para achegarse a Lugo. Neste sentido hai que destacar o incremento dun 52% en visitas de alemáns do ano 2006 respecto ao 2005.

A edil lembrou que este ano o Concello conta cun orzamento de preto de 50.000 euros para a asistencia a feiras e mercados especializados. Dentro das nacionais destacan a de Barcelona, Valencia e Bilbao. A Concelleira explicou que dentro das feiras específicas son moi importantes a de Valladolid -que é un escaparate nacional para o turismo cultural-, e Termatalia de Ourense, especializada no turismo termal. Dentro do calendario de feiras internacionais, está previsto asistir a Berlín, Oporto, Milán e Londres.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova