Imprimir

O CONCELLO DE LUGO E A ARMADA RENOVARON OS SEUS VÍNCULOS


2/4/2007 A Armada rende homenaxe á Virxe da Esperanza

O Concello entregou á Armada outra bandeira española en substitución da Bandeira de Combate que lle regalou hai 25 anos.

A Corporación Municipal e a Armada renovaron, por 55º ano consecutivo, os seus vínculos e a tradición de render homenaxe á Virxe da Esperanza -patroa da Armada- nos actos oficiais que se desenvolveron pola mañá e que continuarán pola tarde coa participación na procesión do primeiro luns de Semana Santa. Este ano, como novidade, o Concello fixo entrega dunha nova bandeira á Armada en substitución da que lle regalou hai 25 anos.


Cen membros da Unidade formaron na Praza Maior e fixeron o tradicional desfile, diante a atenta mirada de centos de lucenses. Acompañando ó Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol –Francisco Cañete Múñoz-, atópabase o Comandante do Tercio Norte, o Vicario Castrense de Ferrol, o Xefe de Seguridade Naval, o Xefe de Organización, o Xefe de ORP de Ferrol e a Axudantía Maior. A Compañía de Honra, que formou na Praza Maior desde as doce do mediodía, estivo composta pola Escuadra de Gastadores do Tercio Norte, a Banda de Música do Tercio Norte, a Bandeira e Abanderado tamén do Tercio Norte, dúas seccións do Tercio Norte e unha do Arsenal, así como o Armamento Orgánico da Unidade.


O acto de entrega da nova Bandeira española á Armada, en substitución da que lle fora entregada no ano 1982 ó Tercio Norte, foi o momento máis solemne. A entrega foi realizada pola Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, ataviada coa tradicional mantilla. A bandeira substitúe á xa deteriorada despois de 25 anos de uso. Está completamente bordada nas dúas caras, con hilos de ouro, prata e sedas.


Nas intervencións públicas do Comandante do Tercio Norte e do Alcalde, éste ultimo protagonizou un dos momentos máis emotivos cando pediu romper o protocolo para poder bicar á bandeira porque dixo, “non o puiden facer no seu momento”. López Orozco reivindicou na súa intervención a paz e avogou, nun discurso bilingüe, pola “unión de esta Europa que está naciendo”. O Alcalde ofreceu en nome dos lucenses “nuestra lealtad a la bandera y a todos los símbolos que representan a las comunidades autónomas”.


O Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol pasou revista ás tropas e saudou co Alcalde de Lugo ás autoridades presentes, entre os que se atopaban a Corporación Municipal, parlamentarios galegos, deputados nacionais, autoridades dos corpos de seguridade e dos distintos exércitos.


Sinatura no Libro de Ouro

Despois do desfile da Forza, as autoridades escoitaron un pequeno concerto a cargo da Banda de Música da Armada desde o balcón da Casa Consistorial. A continuación, o Almirante Xefe asinou no Libro de Ouro da cidade e intercambiou agasallos institucionais co Alcalde de Lugo.


Tras un pequeno refrixerio, as autoridades participaron nun xantar. Xa pola tarde, agárdase a participación de miles de lucenses na procesión na honra da Virxe da Esperanza, que comezará ás oito da tarde. A Armada é Irmán Maior da Irmandade da Nosa Señora da Virxe da Esperanza.

Este martes continuarán os actos oficiais coa participación do Exército de Terra.

Galerías de fotos da Semana Santa lucense