Imprimir

A REVISTA VIRTUAL FOEMINAS PUBLICA UN NOVO NÚMERO


26/10/2007 Inclúe unha reportaxe especial para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural e estrea unha sección titulada Foeminas Panorámica

A revista virtual Foeminas publica un novo número que xa se pode ler na páxina web municipal www.lugo.es. Esta publicación, que xa suma 21 números, inclúe este mes unha reportaxe especial que conmemora o Día Internacional da Muller Rural, celebrado o pasado 15 de outubro.

Na sección de Portada recóllese, baixo o título De mi tierra... unha reflexión sobre a realidade da vida da muller rural en todas as súas facetas. Para afondar na situación das traballadoras do campo preséntase unha entrevista á produtora rural Marta Álvarez Quintero nun artigo denominado Granxa Maruxa (Rebelión en la granxa).

Tamén en Portada publícase a segunda parte da entrevista a María Naredo Molero e a continuación do encontro Palabras de Mulleres celebrado os días 9, 10 e 11 de maio en Lugo. Nesta ocasión realiza a súa presentación a poeta Estíbaliz Espinosa.

Historia de Mulleres está dedicada ao Día da Hispanidade e lembrase a vida dunha figura emblemática do mestizaxe en México: La Malinche. A investigadora Maribel Hernández Cruz achéganos a historia de esta paradigmática muller desde México.

Neste número estréase unha sección titulada Foeminas Panorámica que servirá para dar a coñecer unha escolma de exposicións, accións e convocatorias de grande interese para continuar afondando no debate e na loita contra a violencia e a favor da igualdade de xénero.

Na Galería de Arte preséntase a segunda parte do informe sobre Louise Bourgeois.


A sección Contemporáne@ conta coa presencia dunha artista internacional: Vera Goulart.

En Mullerciclopedia Luz Darriba aporta a súa visión do espectáculo da gran bailaora Sara Baras.

Por último, a avoa Maruja comparte a súa exquisita receita de tortilla española e Ana conta a súa experiencia tras unha viaxe a Marrocos.

http://foeminas.lugo.es