Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concepción Burgo participará nos actos do Día Mundial da Liberdade de Prensa


# Luns, 30/04/2007
O acto reunirá por primeira vez nesta efeméride a todos os membros do Foro de Organizacións de Periodistas de España

Suso de Toro lerá en Lugo o manifesto conxunto do FOP nun acto aberto ó público no Instituto Lucus Augusti

Lugo acolle, en conmemoración polo Día Mundial da Liberdade de Prensa, un acto conxunto que reunirá a todas as organizacións do Foro de Organizaciones de Periodistas (FOP). Será este xoves, día 3 de maio, no Instituto Lucus Augusti. É a primeira vez que que se realiza un acto destas características, no que participen todas as organizacións do FOP. A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, intervirá no acto, no que colabora o Concello de Lugo e no que participarán alumnos do Lucus Augusti.

O acto, de acceso libre, dará comezo ás 19.00 horas coa lectura dun manifesto conxunto das organizacións do Foro, a cargo do escritor e xornalista galego Suso de Toro. O acto será aberto para todo o público interesado.

O FOP está integrado polas organizacións colexiais e sindicais máis representativas de España: a Agrupación de Periodistas (UGT), a Agrupación de Periodistas (CC.OO.), a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), o Col-legi de Periodistes de Catalunya (CPC) e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

Datos biográficos de Suso de Toro

Suso de Toro naceu en Santiago de Compostela en 1956. Licenciado en Arte Moderno e Contemporáneo, ten publicado en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio.

A súa obra, traducida a varias linguas, é obxecto de estudio en diversas universidades europeas. É guionista de televisión e colaborador habitual de prensa e radio.

Entre os seus títulos destacan a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997), e os libros de narrativa Caixón desastre (1983), Polaroid (1986), galardoado co Premio de la Crítica de Galicia, Land Rover (1988), Ambulancia (1990), Tic-tac (1993), Premio de la Crítica española, La sombra cazadora (1994), Cuenta saldada (1996), Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor de novela, Círculo (1998), No vuelvas (2000), Premio de la Crítica española, Trece Badaladas (2002), Nunca Máis (2002) e O home sen nome (2006).

É autor tamén de libros de xornalismo e ensaio como Parado na tormenta (1996), Eterno retorno (1996), El pueblo de la niebla (2000) e A carreira do salmón (2001).

V Convención de Xornalistas de España

Na convención de Lugo, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio, debaterase sobre a condición de xornalista profesional. Nesta ocasión, baixo o lema "Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista", a cuestión a debate será a da esixencia de profesionalidade no exercicio do xornalismo e reunirá a máis de douscentos profesionais da información de toda España. O Concello de Lugo é un dos patrocinadores deste evento, no que tamén colaboran a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e Caixanova.

O venres día 4 terá lugar a inauguración da V Convención no Salón Almirante, Hotel Méndez Núñez de Lugo, seguida dunha visita guiada pola cidade. A conferencia inaugural correrá a cargo de Josep Maria Carbonell, Presidente do Consell de l`Audiovisual de Catalunya (CAC), que irá seguida dun coloquio.

O sábado día 5 comezarán as exposicións de ponencias e dos debates no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, previa recepción e acreditación dos participantes. O día seguinte comezará cunha mesa de igualdade onde se tratará a situación laboral da muller xornalista, seguida do debate das conclusións das ponencias expostas anteriormente. Pecharase a xornada coa entrega do I Premio Muralla Aberta de Xornalismo e coa clausura, por parte das autoridades correspondentes, da V Convención de Xornalistas.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova