Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo celebra o IV festival de música Interfolk


# Domingo, 06/05/2007
Os concertos de Alan Stivell, Rosa Cedrón, José Mercé e María del Mar Bonet conforman o programa

A Concellería de Cultura e Turismo celebrará dende o xoves e até o domingo a cuarta edición do Festival Interfolk, que pretende converter a Lugo nun lugar de encontro de culturas do Camiño Primitivo.

Esta cuarta edición, que se volverá celebrar na praza de Santa María durante catro días con concertos a partir das dez da noite, reúne este ano a catro grandes artistas recoñecidos e coñecidos e aplaudidos en todo o panorama artístico. Como sempre, os catro concertos serán gratuítos e abertos a todos os públicos.

O encargado de abrir o festival, o día 10, será Alan Stivell, que foi un dos pioneiros en fusionar a música tradicional bretona co rock. O seu rasgo máis destacado é a súa recuperación da música celta e das arpas célticas eléctricas.

O venres o esceario será da monfortina Rosa Cedrón, que vén de fichar por Warner e que presentará en Lugo para o gran público o seu primeiro disco en solitario, “Entre dous mares”. Unha artista cun importante pasado en Luar na lubre que comeza agora a brilar en solitario.

José Mercé será o protagonista do sábado. Este artista foi recoñecido como a voz flamenca máis bella dende hai anos. Considerado por todos o herdeiro de Camarón presentará en lugo o seu novo disco “Lo que no se da”.

Pechará o festival o domingo unha gran estrela, María del Mar Bonet. Xunto á súa música destaca tamén a súa conciencia social e espírito revolucionario, polo que foi perseguida durante o franquismo. Leva cantando dende antes da democracia e a súa música segue a cautivar a todas as xeracións.

O festival está organizado pola Concellería de Cultura, que dirixe Concepción Burgo, e a Fundación Caixa Galicia. O programa conta este ano con artistas prestixiosos que pon de relevancia que o festival se está a consolidar.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova