Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Centro Arqueolóxico de San Roque abriu as súas portas oficialmente coa visita do Alcalde e a Conselleira de Cultura


# Martes, 08/05/2007
A tarxeta cidadán permitirá descontos na rede de museos que xestiona o Concello de Lugo

A visita do Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, abriu oficialmente as portas do centro arqueolóxico de San Roque. O Alcalde adiantou que o Concello abrirá desde este mércores o museo a toda a cidadanía. López Orozco anunciou que a tarxeta cidadán permitirá descontos na rede de museos in situ -na que estarán incluídos a Casa dos Mosaicos, Porta Miñá e San Roque-. Ademais tentará que o Museo Provincial e o Museo Diocesano se integren nesta rede.

A Consellería investiu algo máis de 600.000 euros para facer posible a conservación e a visita destes restos dunha necrópole romana. A comitiva tamén se desprazou á Porta Miñá da Muralla para examinar as obras de recuperación e anunciou unha nova fase de actuación, por valor de 180.000 euros.

Os restos de San Roque, que se encontran nun inmoble propiedade do Concello de Lugo, corresponden a un xacemento funerario de grande interese patrimonial, científico e social, e están constituídos por tumbas dunha necrópole de incineración e inhumación. Así mesmo, tamén hai restos dun forno de cerámica e dun estanque dedicado á realización de cultos relixiosos e no que se poden ver unha cabeza de Medusa e outra de Esfinxe, elementos mitolóxicos de orixe oriental.

O Alcalde explicou que “o Concello encargarase do mantemento deste museo, que será atendido desde mañá por dous técnicos especializados”. O horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas. Nun principio, o acceso será totalmente gratuíto para fomentar a participación de toda a cidadanía. Posteriormente, ó igual que a Casa dos Mosaicos, cobrarase unha cantidade simbólica para contribuír ó seu mantemento.

Comprender a Historia da cidade

O proxecto de musealización no que a Consellería investiu 197.855 euros inclúe cartelería e diverso material audiovisual para que os visitantes poidan comprender a utilidade que estes restos tiveron na súa época. O conxunto está situado dentro dun edificio construído tamén pola Consellería de Cultura e no que se investiron 411.000 euros.

A inauguración de hoxe culmina unha serie de traballos xa realizados no xacemento até a data, como a delimitación gráfica e planimétrica, consolidación e restauración dos restos atopados, así como diversas tarefas de investigación e documentación destinadas ao necesario proceso de posta en valor do xardín de San Roque. Agora, o departamento que dirixe Ánxela Bugallo cederalle a xestión do centro arqueolóxico ao Concello, en virtude dun convenio de colaboración asinado hai un ano.

Recuperación da Porta Miñá da Muralla

A conselleira tamén comprobou o resultado dos traballos de consolidación e recuperación realizados no cubo dereito da Porta Miñá da Muralla e que supuxeron un investimento de 287.000 euros. Bugallo anunciou unha nova fase no cubo esquerdo por valor de 180.000 euros e que comezará durante o mes de xullo.

Estas obras permitirán consolidar a estrutura da Muralla así como afondar no seu coñecemento. Ao igual que sucedeu co cubo dereito, a Consellería espera descubrir neste cubo a estancia correspondente ao antigo corpo de garda (centinelas de control de paso) situada enriba do corpo de garda de ras do chan, do que xa se tiña constancia. Unha vez confirmada a súa existencia, estudarase de que forma se poden poñer en valor as dúas estancias. Agora mesmo o corpo de garda do cubo esquerdo é visible pero non visitable.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova