Imprimir

CONTINÚAN AS REPRESENTACIÓNS DO PROGRAMA DAS VIII XORNADAS DE ARTES ESCÉNICAS


3/6/2007 Esta semana haberá oito actuacións, todas gratuítas e abertas á poboación, no Centro Social de Fingoi

Oito representacións de teatro terán lugar esta semana dento da oitava edición das Xornadas de Artes Escénicas, organizadas pola colaboración da Concellería de Muller e Benestar Social, a Escola de Arte e Lecer, o Colexio Fingoi e Palimoco Teatro.

Esta mostra foi creada para incentivar o teatro nos centros educativos, como un lugar de práctica e de ensino. Así, este ano participan un total de 14 grupos, que ofrecen 20 actuacións, todas elas no marco do Centro Social de Fingoi.

Estas actuacións están elaboradas para os grupos de escolares e abertas tamén ao público en xeral. Ademais, os actores conforman grupos entre os que figuran alumnos dende Infantil até Bacharelato de toda Galicia. Todas as obras son gratuítas e abertas a toda a a poboación.

O luns comezarán as representacións, ás once e media, coa obra “Os miserables”, a cargo do grupo Upiasca. Ás seis actuará Rosalía de Castro con “O achado do castro”.

O martes será a vez dos alumnos do Lucus Augusti, ás once e media, coa obra “Soño dunha noite de verán”. Ás catro serán os alumnos de primeiro de Primaria do colexio Fingoi os que representarán “Soñar non custa nada”.

“O ladrón de palabras” será a obra que representen os alumnos de cuarto do colexio Fingoi ás once e media do mércores. Pola tarde, ás oito, Velaí tes Teatro repesentará “Cousas de mulleres ou como tolear en tres actos”.

Ás once e media da mañá do xoves alumnos de segundo curso do colexio Fingoi representarán “Casting: á lúa” e o venres, ás oito, haberá unha actuación da Escola de canto do Conservatorio de Fingoi con pezas de cantautores.

A semana próxima rematará o ciclo o día 13, con máis teatro, curtos e danza.

PROXECTOS

O novo paso que se pretende dar a continuación a organización deste festival é conseguir a creación dun circuíto teatral entre todos os grupos con actividade teatral e poder amplialo ao resto de concellos da provincia e tamén de Galicia.

Entre todos os grupos presentes nesta edición destaca, polo seu simbolismo, a presencia o día 2 do grupo Muxicas Once Teatro, formado por unha compañía de invidentes de Ourense, que representará a obra “A Voda”. Ademais de teatro, nesta cita haberá tamén actuacións de baile e un certame de curtametraxes.

Aínda que todos os centros educativos xa recibiron invitacións para asistir ou formar parte da exhibición, mantense aberto o prazo de solicitude de reserva de público para grupos de alumnos. Esta pode realizarse nos números de teléfono 982 221630 ou no 982 251536.