Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Intensa última semana do Festival de Música Cidade de Lugo con tres concertos dedicados á canción e a ópera rusa, a música de cámara e o musical americano


# Luns, 04/06/2007


O Festival de Música Cidade de Lugo (XXXV Semana do Corpus) que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Lugo e que conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia entra na súa última e intensa semana de actividades. Tres interesantes concertos completan a programación de esta moi exitosa (tanto a nivel artístico como de público) trixésimo quinta edición do decano dos festivais galegos.

O interese da programación desta última semana céntrase na lírica e na música de cámara. Dúas extraordinarias voces protagonizarán senllos recitais no Círculo das Artes con programas de moi diferente repertorio e carácter. A música rusa (a canción e a ópera) enchen o programa do tenor ruso Daniil Shtoda para o martes 5 de xuño no Círculo das Artes. Este novo tenor é unha das grandes promesas da lírica en toda Europa e está chamado a ser unha das grandes voces nos próximos anos. Este tenor natural de San Petersburgo cantará cancións e arias de ópera de compositores favoritos do público como Tchaikovski e Rachmaninov e rusos menos coñecidos como Glinka, Bulakhov, Dargomyzhski, Gliere ou Balakirev. Shtoda compartirá escenario no seu recital en Lugo por un dos grandes nomes do acompañamento pianístico a nivel mundial, o pianista inglés Julius Drake.

Se por algo se caracterizou esta edición do Festival de Música Cidade de Lugo foi pola presencia de grandes voces da lírica e tras a presenza de cantantes da talla e valía artística como Cristina Gallardo-Domas, María Bayo, Maria Riccarda Wesseling, Peter Harvey, Max Emanuel Cencic, Kobie van Rensburg, Martín Oro, Anne Catherine Gillet ou Daniil Shtoda, a clausura correspondelle a un sensible cantante de gran presencia escénica como o barítono norteamericano Stephen Salters. Voces de América é o título do concerto de clausura (no Círculo das Artes o sábado 9 de xuño) no que Salters nos achegará o xénero lírico americano por antonomasia, o musical, xunto a espirituais e algúns exemplos da canción do seu país, acompañado ao piano por Linda Osborn-Blaschke. No desenfadado concerto poderá escoitarse música de populares compositores que fixeron posible a historia da música dos Estados Unidos: Rodgers, Porter, Bernstein, Gershwin, Foster, Copland, Sondheim, etc.

E entre estes dous concertos, o xoves 7 de xuño no Auditorio do Conservatorio, terá lugar outro concerto, a última cita no festival deste ano coa música de cámara. O conceto estará protagonizado polo dúo de trompa e piano formado polos galegos David Fernández Alonso (un dos nosos músicos máis internacionais que actualmente ocupa o posto de primeiro trompa na Orquestra da Comunidade de Valencia) e Alejo Amoedo (pianista vigués mestre no conservatorio desa cidade), que interpretarán obras de Quantz, Beethoven, Dukas e Bowen.

Estes tres concertos que completan a ampla oferta (dezaseis concertos que comezaron o 21 de abril) do Festival de Música Cidade de Lugo comezarán ás 20:30h. e serán gratuítos, coma sempre, con entrada libre ata completar a capacidade dos locais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova