Imprimir

O ALCALDE CLAUSURA AS XORNADAS DE EMPRENDEDORES DO CEI


23/3/2007 Unhas 200 persoas seguiron un intenso programa, que contou coa presencia de grandes empresarios galegos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, clausurou esta mañá as xornadas organizadas no Centro de Empresas e Innovación con motivo do Día do Emprendedor. Neste acto estivo acompañado do Secretario Xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe; o Vicepresidente da CEL, David Vilela, e do da Cámara de Comercio, Jesús Pernas.

Centos de persoas participaron nos actos organizados dende onte neste centro de fomento do autoemprego, que depende da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Comercio. A Concelleira de área, Eva Real, estivo tamén presente neste acto.

O Alcalde quixo neste acto agradecer o traballo realizado polos organizadores, a Consellería e tamén aos propios mozos e mozas, que están a buscar no autoemprego unha nova liña de traballo.

Agradeceu tamén o traballo realizado polos empresarios e lembrou “que a súa figura é necesaria” para todas as cidades. Así mesmo, indicou que a procura do emprego para os mozos e mozas de Lugo é sempre unha preocupación e convértese no eixo do traballo dende o CEI.

O programa comprendeu un certamen, conferencias, mesas redondas, debates, charlas e talleres, todos eles contando coas figuras máis importantes e relevantes do mundo empresarial español.

Destacaron ponentes como Fernando Trías de Bes, consultor internacional en investigación estratéxica e comercial e coautor do best-seller “La Buena Suerte”; Jorge Dorribo, Xerente de Laboratorios Nupel; Luis García Santalla, Director Xerente de Begasa; Juan Vázquez Gancedo, Xerente de Bodegas Martín Códax; Fernando Vázquez Núñez, Director Xeral de Imatia Innovation, e Javier Bullón Camarasa, Director Xeral de Ferroatlántica.

Neste grupo destacou tamén a presencia das mulleres, con Charo Vidal Galelego, Vicepresidenta da Organización de Mulleres Empresarias e Xerencia Activa (OMEGA) ou Pilar Gómez-Acebo Avedillo, Presidenta de Honra da Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE).

Complementaron o programa máis actividades lúdicas como xogos virtuais e interactivos coa base dun proxecto emprendedor ou a representación teatral de Hipócrita Teatro.