Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pon o CEI-NODUS ó servizo das empresas da cidade


# Venres, 31/08/2007
A Concelleira de Economía e Emprego anunciou os cursos que terán lugar no centro entre os meses de setembro e decembro

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe as actividades formativas do Centro de Empresas e Innovación (CEI) e Centro de Servizos Tecnológicos (Nodus) dirixidas ós emprendedores e empresas de Lugo. Como explicou a Concelleira, “con estas actividades cumprimos co compromiso adquirido polo PSOE nas pasadas eleccións municipais de abrir o CEI ás empresas lucenses, e de impartir a formación non só ós traballadores senón tamén ós empresarios e emprendedores lucenses, respondendo así as demandas do sector”.

Ademais os universitarios que o desexen poderán asistir ós cursos e, incluso, dende o Concello estase tramitando o seu recoñecemento como créditos de libre elección para os alumnos da USC. Segundo a Concelleira, “trátase de atraer os titulados de Lugo ó mundo empresarial”.

O obxectivo final destas actividades formativas é potenciar o desenvolvemento económico de Lugo mediante a mellora profesional dos empresarios da cidade. Por elo as accións tocan distintos eixos de interese e adáptanse ós horarios dos empresarios.

Esta formación ten un carácter práctico ó contar coa experiencia doutras empresas que levan a súa actividade con éxito.


Contidos moi demandados
A Concelleira explicou que os contidos das accións foron escollidos dun modo razoable. Trátase de responder ós temas máis demandados tradicionalmente polas empresas, como formación sobre as técnicas de xestión comercial ou o liderado e xestión de equipos. Tamén se tratarán temas tan actuais como a captación da finaciación para cambiar a idea de que o único modo de obter cartos é pedilos a unha entidade financieira, ou as vantaxes de incluir nas empresas os conceptos de calidade social.

Por outro lado, o Centro Nodus, un espazo punteiro de novas texnoloxías, tamén será posto ó servizo das empresas lucenses. Aquí ofreceranse tres cursos de formación relativos á innovación e a aplicación das novas tecnoloxías nas empresas: un sobre a organización industrial, outro de sistemas de intelixencia de negocio e un terceiro de xestión integral da empresa.

A Concelleira destacou o programa de consolidación empresarial que se impartirá en colaboración coa Fundación Escola de Organización Industrial. O programa divídese en dous módulos: un de diagnose da situación da empresa e outro de planificación estratéxica.

Toda a programación pode atoparse na web do Concello www.lugo.es, no teléfono 010 e no CEI (teléfono: 982 264 260).

PROGRAMACIÓN:


SETEMBRO /2007

Curso: TÉCNICO EN SEGURIDADE AGROALIMENTARIA E SISTEMAS DE AUTOCONTROL

Este é un curso que se enmarca nas accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas ás traballadoras e traballadores en desemprego, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Os destinatarios son persoas inscritas como demandantes de emprego en calquera oficina do servizo público de emprego e, no caso dos alumnos da U.S.C., estase tramitando o recoñecemento do curso como créditos de libre elección.
Na actualidade, a preocupación dos consumidores en relación coa seguridade dos alimentos vai en crecente aumento, debido, entre outras razóns, a os diversos casos de alarmas alimentarias ocorridos non só en España, senón en diferentes países da UE. Todo isto está facendo que o mercado esixa, tanto dos sectores productivos como das Administracións competentes, maiores e mais eficaces controles para garantir a seguridade en toda a cadea alimentaria. Por outra banda, o aumento no poder adquisitivo e na cultura gastronómica dos consumidores fai que estén dispostos a pagar un precio maior polos alimentos, sempre que se lles asegure un maior nivel de calidade de estes, polo que entendemos que a aposta pola calidade significa garantir o futuro e a viabilidade do sector agroalimentario en Galicia.
Cada vez mais empresas están implantando Sistemas de Xestión Medioambientais e da Calidade, conscientes dos seus beneficios. Pero no caso específico que nos ocupa, na Industria Agroalimentaria, cómpre dar un paso mais na integración dos Sistemas de Xestión Medioambiental e de aseguramento da Calidade, integrando tamén os mencionados sistemas para a Certificación da Seguridade Alimentaria.

Data de Inicio: 17 de setembro de 2007
Data de Remate: 28 de decembro de 2007
Duración: 350 horas
Horario: de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.


Curso: EXPERTO EN SOFTWARE OFIMÁTICO LIBRE

De tódalas aplicacións informáticas que temos no mercado, a que máis se utiliza, e con moita diferencia sobre as demais son as ferramentas ofimáticas, de xeito que en case tódolos ordenadores está instalada algunha suite de este tipo.
Por outra banda son innumerables os postos de traballo nos que se require o dominio deste tipo de programas para poder desenvolve-lo mesmo. Habitualmente a suite que máis se utiliza, e que máis se solicita á hora de cubrir unha oferta de traballo é Microsoft Office. Pois ben, co pulo que está tomando na nosa sociedade a utilización de software libre, son cada vez máis as empresas, e mesmo a administración as que solicitan o coñecemento de OpenOffice, que é a alternativa gratuíta á aplicación de Microsoft.
Co curso que propoñemos o alumno poderá dominar esta ferramenta e desenvolver calqueira traballo que requira o procesamento de documentos, crear unha presentación ou a realización de tarefas cunha folla de cálculo. Con este curso ó alumno poderá acceder a cantidade de postos de traballo en infinidade de sectores.
A acción formativa está incluída na programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP) na comunidade autónoma de Galicia, dirixido a demandantes de emprego.
Este curso está recoñecido para poder ser imputado como créditos de libre configuración curricular a todos os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, cunha equivalencia de 6 créditos.

Data de Inicio: 17 de setembro de 2007
Data de Remate: 14 de decembro de 2007
Duración: 300 horas
Horario: De 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

Curso: TÉCNICAS DE XESTIÓN COMERCIAL

Trátase dun curso dirixido a calquera persoa interesada, anque os seus contidos pertencen ao ámbito empresarial e ten por obxectivo coñecer as técnicas para mellorar a xestión comercial dunha empresa, aprendendo, entre outros, a identificar os motivos que levan a un cliente a comprar os nosos productos, coñecer os principios que rexen a venda e o marketing, ou como fidelizar a un cliente. Para os alumnos da U.S.C., estase tramitando o recoñecemento do curso como créditos de libre elección

Datas de Celebración: 24, 25 e 26 de setembro e 1, 2 e 3 de outubro de 2007
Duración: 30 horas
Horario: De 16:00 a 21:00 horas, de luns a mércores.

Cápsula de Coñecemento: ORGANIZACIÓN INDUSTRIAL

Trátase dunha actividade dirixida a empresas (mandos intermedios ou xerentes) na que se tratarán, de xeito condensado, cuestións relativas á organización industrial tales coma a xestión loxística, a mellora continua, a trazabilidade nos procesos e os productos, etc.
Será impartido polo equipo de Organización Industrial da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo que ten unha experiencia amplamente contrastada e que colabora habitualmente con importantes empresas tales como: Enor, Dalphi Metal, Pescanova, Frinova,Viza Automoción, Roberto Verino, Televés...Trátase dun equipo formado por catedráticos da Universidade de Vigo de recoñecido prestixio.
Xustificación da Xornada:
Necesitamos que a empresa/industria lucense se modernice, innove os seus sistemas de xestión e organización. Dende as materias primas ata o producto final ten que estar todo controlado e organizado. Temos que tratar de ser eficientes e eficaces no noso traballo diario.

Datas de Celebración: 2ª Quincena de Setembro, data sen concretar
Duración: 3 horas pola tarde

Cápsula de coñecemento: COMO FINANCIAR A MIÑA IDEA EMPRESARIAL

Organizado en colaboración coa empresa instalada no CEI “D&Y Asesores Patrimoniales” que aportará a experiencia de recoñecidos profesionais do sector financeiro que expliquen ós emprendedores cales son os recursos con que poderán financiar o seu proxecto, e en qué medida se poden aproveitar eses recursos. Contaremos ademais coa presencia de emprendedores que nos aportarán a súa testemuña persoal nesta materia.
¿POR QUÉ?: Unha das dificultades que máis preocupan ós emprendedores é o financiamento do seu proxecto. Á inexperiencia no mundo empresarial soe engadirse o descoñecemento do mercado financeiro. Esta cápsula pretende, dun xeito sinxelo, achegar os conceptos básicos de financiamento aos emprendedores, para orientalos no financiamento do seu proxecto empresarial.

Data de Celebración: 2ª Quincena de Setembro, data sen concretar
Duración: 2 horas


Xornadas: MULLER, EMPREGO E CALIDADE SOCIAL

Xornadas incluídas nas actividades de LUGO SOCIAL

Datas de Celebración: 26 e 27 de setembro de 2007


OUTUBRO /2007

Curso: AXENTE DE INNOVACIÓN

No ámbito galego, as empresas atópanse nos niveis máis baixos de inversión en innovación, moi lonxe dos niveis do resto de España e dos outros países do entorno europeo. O novo Plan Galego de I+D+i 2006-2010 faise especial eco desta problemática de tal xeito que se pretende, entre outros, incentivar o esforzo inversor das empresas neste campo e facilitar nas mesmas a presencia de persoal adicado á I+D+i.
Faise necesario realizar un esforzo inversor en I+D+i nas empresas galegas e, para eso deben contar con persoal capacitado que inicie, xestione e leve ó éxito este proceso. Este é o cometido dun axente de innovación, que posúa coñecementos suficientes do que é a innovación, de cómo se pode chegar a ela a través da adquisición de tecnoloxía ou de patentes, ou ben a través do desenvolvemento de proxectos de I+D. O axente de innovación igualmente debe estar preparado para afrontar o reto da protección dos resultados obtidos no transcurso de proxectos de investigación e incluso a posibilidade de xerar novas empresas de base tecnolóxica, así como coñecer moi ben as fontes de financiación tanto pública (subvencións, préstamos) como privada (capital risco, etc.), que pode servir de apoio ós procesos de innovación na empresa.
Trátase dunha acción formativa incluída na programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP) na comunidade autónoma de Galicia. Coma os demais cursos de Plan FIP ten por destinatarios as persoas inscritas como demandantes de emprego en calquera oficina do servizo público de emprego.
Este curso está recoñecido para poder ser imputado como créditos de libre configuración curricular a todos os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, cunha equivalencia de 6 créditos.

Data de Inicio: 8 de outubro de 2007
Data de Remate: 4 de decembro de 2007
Duración: 200 horas
Horario: De 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.


Curso: HABILIDADES DIRECTIVAS E TÉCNICAS DE COMUNICACIÓN (2ª parte)

Maila a escasa presenza de mulleres nos postos altos das organizacións a situación está cambiando, pero moi lentamente. As mulleres están menos representadas nos altos escalos da vida profesional do que lles correspondería por demografía e cualificación. Ata agora nos altos postos directivos e nos Consellos de Administración das empresas é escasa a presenza de mulleres.
A recente Lei 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes afronta a participación das mulleres nos Consellos de Administración das sociedades mercantís, impulsando a presenza equilibrada de mulleres e homes nestes consellos.
Esta é unha acción formativa dirixida exclusivamente a mulleres e preténdese que as alumnas adquiran as habilidades necesarias para desempeñar postos de dirección e administración de empresas ou entidades
Esta acción formativa é a continuación do curso desenvolvido no ano 2006, e atópase incluída nas liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres, segundo convocatoria do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Ten por destinatarias mulleres inscritas como demandantes de emprego en calquera oficina do servizo público de emprego. Como é lóxico teñen preferencia para facelo as mulleres que xa participaron na primeira parte do curso.

Data de Inicio: 15 de outubro de 2007
Data de Remate: 8 de novembro de 2007
Duración: 86 horas
Horario: De 16:00 a 21:00 horas, de luns a venres.


Curso: SISTEMAS DE INTELIXENCIA DE NEGOCIO. UNHA FERRAMENTA IMPRESCINDIBLE: QLIKVIEW

A toma de decisións acertadas en tódolos ámbitos da vida, pero máis aínda nos negocios, debe basearse inevitablemente nunha análise adecuado dos elementos clave do asunto, dentro dos cáles teñen unha importancia primordial os datos dos que se dispoñen dentro da propia empresa.
Na sociedade da información na que nos atopamos, o problema non está tanto en dispor dos datos a utilizar, senón en seren capaces de analizalos axeitadamente cun esforzo, tempo e custe razoables, especialmente no ámbito das PEMES.
Tradicionalmente, as análises sofisticadas dos datos forman unha disciplina chamada “Intelixencia de negocio (Business Intelligence)”, e normalmente requiría de ferramentas caras e complexas de utilizar.
Afortunadamente, na actualidade podemos levar a cabo a devandita análise utilizando exclusiva ou principalmente ferramentas que están o alcance de tódalas PEMES: as ferramentas ofimáticas, e, máis concretamente a que podemos denominar sen lugar a dúbidas como a súa ferramenta estrela: as follas de cálculo.
Co curso que propoñemos o alumno poderá dominar as ferramentas avanzadas de análise de datos das follas de cálculo (principalmente Excel, por telas máis desenroladas, pero sen esquecer repasa-las posibilidades da alternativa libre, Calc, neste ámbito) e outras ferramentas complementarias, e desenvolver calquera traballo que requira a análise de información, con distintos niveles de agregación e/ou traballando directamente coa información en detalle, tanto análises puntuais en profundidade realizados a intervalos largos de tempo (normalmente utilizando “cadros de mando”) ou para tomar decisións concretas, como análises constantes da marcha do negocio a través da vixilancia dun conxunto de indicadores clave (o que se coñece normalmente como “cadros de control”), e coa posibilidade de comparación entre distintas entidades (departamentos, productos, clientes, zonas xeográficas...) e/ou ó longo del tempo.
Trátase dun curso dirixido a calquera persoa interesada, anque os seus contidos pertencen ao ámbito empresarial e ten por obxectivo aprender a manexar unha aplicación informática que permite xestionar sistemas de intelixencia de negocio que permiten multiplicar a capacidade de xestión dunha empresa.

Data de Inicio: 22 de outubro de 2007
Data de Remate: 26 de outubro de 2007
Duración: 25 horas
Horario: De 16:00 a 21:00 horas, de luns a venres.


Curso: LIDERADO E XESTIÓN DE EQUIPOS

Na actividade empresarial hai un capital que non pode ser valorado en termos monetarios, e este é o capital humano. A xestión e liderado de equipos humanos require técnicas e habilidades que se poderán aprender neste curso dirixido tanto a persoas que teñen traballadores ao seu cargo ou para aqueles que se integran en equipos de traballo reducidos, como é o caso das pemes e os traballadores autónomos. Neste curso aprenderanse técnicas e claves para coordinar ao persoal e motivalo de cara á mellora da productividade dentro dunha mellora das condicións de traballo.
Para os alumnos da U.S.C., estase tramitando o recoñecemento do curso como créditos de libre elección

Datas de Celebración: 29, 30 e 31 de outubro e 5, 6 e 7 de novembro de 2007
Duración: 30 horas
Horario: De 16:00 a 21:00 horas, de luns a mércores.


Programa de CONSOLIDACIÓN EMPRESARIAL:

Trátase dun programa, dirixido a Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (que desexen replantear a súa empresa para axustala ás novas necesidades do mercado e actualizar os seus coñecementos de xestión empresarial), Colaboradores do Empresario (que sintan a necesidade de involucrarse na formación continua como medio de manter e/ou mellorar a súa competencia profesional) e Profesionais da xestión de empresa que desexen mellorar no seu emprego.
Neste programa formativo, que se realizará en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial de Madrid (que aportará o persoal docente) os empresarios e profesionais participantes terán unha inmellorable oportunidade para:
1. Revisar a situación da súa empresa partindo dunha Diagnose sistemática de cada unha das súas áreas funcionais.
2. Reformular os seus obxectivos estratéxicos á vista da nova situación revelada pola análise das condición do novo entorno (sector, competencia, novas tecnoloxías, variacións da demanda, etc.)
3. Elaborar un Plan Estratéxico de Mellora consecuente coa Diagnose de partida e cos obxectivos estratéxicos propostos, introducindo os cambios que se revelen indispensables dentro das posibilidades razoables de cada unha das empresas.
4. Actualizar o coñecemento e mellorar as Habilidades de Dirección por parte do empresario e dos seus colaboradores máis directos en canto ás posibilidades que brindan as modernas ferramentas de xestión hoxe ao alcance das PEMEs.

O Programa articúlase en dous módulos: un módulo de Diagnose e un módulo de Planificación Estratéxica.
O MÓDULO DE DIAGNOSE desenvólvese en dous marcos, un presencial (dúas sesións de dúas horas) e outro de consultaría nas propias empresas dos participantes ás que se despraza o profesor-consultor para avaliar a área da súa especialidade. Tralas visitas, cada especialista elabora un “Informe de Diagnose e Recomendacións” que finalmente se lle fará chegar a cada participante a través do Director do Plano Estratéxico.
Neste módulo seguirase un programa que inclúe análise da situación comercial da empresa, das súas finanzas, da súa situación fiscal e laboral, dos recursos humanos, etc.
O MÓDULO DE PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA corre a cargo do Director do Plano Estratéxico, que se reúne con cada un dos participantes no programa nas súas respectivas empresas aos que vai orientando sucesivamente ao longo do curso sobre a elaboración do Plan Estratéxico que redactará o alumno.
Ao remate, con independencia do resultado do Plano, o propio Director elabora un Informe Global con recomendacións en base aos datos e á información recollida nas consultarías, ao que engade as Diagnoses funcionais redactados polos profesores especialistas funcionais.

Celebración : en data por concretar. Inicio en Outubro/2007
Duración:
Módulo de Diagnose: 250 horas
Módulo de Planificación Estratéxica: 150 horas


Cápsula de Coñecemento: A XESTIÓN INTEGRAL DA EMPRESA

(ERP= Enterprise resource planning, CRM=customer Ralationship management)
Que se pretende con esta actividade? Mellorar a xestión da empresa. Este obxectivo, que en principio pode parecer demasiado ambicioso, é posible grazas as ferramentas informáticas que nos permiten dispoñer de información suficiente sobre das distintas áreas de maneira que a xestión será máis sinxela e se poderá actuar sobre as debilidades detectadas.
Con un CRM a empresa terá identificados ós seus clientes, coñecerá información relevante e poderá executar accións de marketing dirixidas. Trátase de novo de ser máis eficaces, de ter información para definir a estratexia da empresa.
Esta acción formativa será impartida por consultoras de recoñecido prestixo e empresas que aportarán a súa experiencia de éxito neste ámbito . Dirixida a empresas. (a mandos intermedios ou xerentes)

Datas de Celebración: 2ª Quincena de Outubro
Duración: 3 horas


Cápsula de coñecemento: ALTERNATIVAS DE FINANCIAMENTO NA EMPRESA

Organizado en colaboración coa empresa instalada no Centro de Empresas e Innovación “D&Y Asesores Patrimoniales”, que aportará a experiencia de recoñecidos profesionais do sector financeiro que expliquen ós empresarios cales son os recursos con que poderán financiar o seu proxecto, e en qué medida se poden aproveitar eses recursos. Contaremos ademais coa presencia de emprendedores que nos aportarán a súa testemuña persoal nesta materia.
POR QUE?: Medrar, expandirse a outros mercados, renova-la maquinaria, fabricar novos productos... poden ser “misións imposibles” sen un axeitado financiamento. O obxectivo desta cápsula é achegar ós empresarios as diferentes posibilidades de financiamento que existen (dentro e fora do mercado) para empresas consolidadas. Trátase de que os empresarios coñezan que “hai un mundo fora das entidades bancarias” e cada proxecto empresarial require a mestura axeitada das distintas fontes de financiamento. É dicir, debemos cambiar a idea de que a único modo de obter cartos é pedir un crédito a unha entidade financeira, é necesario que innovemos ata incluso na forma de financiar a nosa actividade.

Data de Celebración: 2ª Quincena de Outubro, data sen concretar
Duración: 1,5 horas



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova