Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O turismo aumentou en xuño un 76% con respecto ó mesmo período do 2006


# Luns, 16/07/2007
- Franceses, alemanes e arxentinos, os estranxeiros que máis visitaron a cidade este ano - Os madrileños e os catalanes os nacionais que máis viaxan a Lugo

A cidade de Lugo estase a converter nun destino turístico cada vez máis solicitado por nacionais e estranxeiros. Os últimos datos facilitados pola Oficina Municipal de Turismo marcan un notable incremento no número de visitas á cidade ó longo do mes de xuño.
So nestes 30 días, Lugo acolleu 2.807 visitantes que se achegaron ata as oficinas do Concello a solicitar información sobre a cidade. Esta cifra supón un incremento de preto do 80% do número de turistas con respecto ó mes de xuño do ano 2006.

Hai un ano, Lugo recibía 1.590 visitantes nese mes, deles a maioría -95- proviñan de Alemaña. Este ano o perfil cambia. En xuño son máis numerosas as visitas á cidade de arxentinos -116-, italianos -90- e brasileiros -84-.

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, salientou o inicio da desestacionalización que está a experimentar o turismo na cidade. “É un reto para calquera administración, e en Lugo imos polo bo camiño”.

Para Burgo dase a continuación dunha tendencia en canto ás nacionalidades dos visitantes “seguen chegando moitos italianos a Lugo e tamén notamos moito o incremento de arxentinos e latinoamericanos debido á gran promoción que se está a facer de Galicia en Latinoamérica”.

Tamén considerou moi importante o incremento de turistas portugueses e irlandeses, neste último caso debido sobre todo ós vóos de baixo custe.

En canto ó turismo nacional incrementouse a visita de asturianos “dada a proximidade xeográfica, é un mercado fundamental para nós” -336-, valencianos -282- e madrileños -247-.

Primeiro semestre do ano
No que levamos de ano tamén se fixo evidente este incremento de visitas. No primeiro semestre do ano 2007 Lugo viviu un crecemento do 44% no número de visitantes atendidos na Oficina Municipal. A cidade pasou de recibir 7.685 visitantes no 2006 a recibir 11.069 na primeira metade deste ano. Para Concepción Burgo, “estamos consolidándonos como un mercado turístico importante e estamos conseguindo certa desestacionalización”.

Este incremento débese, segundo a edil de Cultura, á política turística levada a cabo polo Concello e ó traballo do sector de hostalería “dinámico e moderno, que se adapta á demanda e mellora enormemente a calidade”.

Nestes primeiros 6 meses, a maioría dos turistas que se achegaron ata a cidade fixérono dende Francia -406-, Alemaña -268- e Arxentina -241-. Aquí percibiuse o primeiro cambio, xa que no ano 2006 a maioría do turismo estranxeiro chegou de Italia.

O turismo nacional, pola súa banda, desprazouse sobre todo dende Madrid -1.459-, Cataluña -915- e Asturias -902-, sendo as orixes moi similares ás do ano anterior.


Visitas a museos
A Casa dos Mosaicos mantense, segundo Burgo, no “nivel óptimo de ocupación” recibindo cada mes unha media de 1.500-1.600 visitantes, tendo en conta que este museo posúe unha capacidade máxima de 25 persoas por visita.

En Porta Miñá si que se evidenciou certo incremento, aínda así a Concelleira destacou a existencia dunha “débeda pendente con este museo” e asegurou que se fará unha maior promoción. “Subiu o número de visitas pero ten que ser aínda maior”. En xullo do 2006 houbo máis de 200 visitantes e nos primeiros quince días do 2007 xa superamos a cifra.

Adiantou ademais que se está a estudar a posibilidade de colocar unha cámara de vixilancia para evitar o vandalismo na zona.

En canto ó Museo de San Roque dixo que “despega a bo ritmo”. Dende a súa apertura en maio, xa pasaron polas súas instalacións máis de 1.100 persoas.

Feira do Libro Antigo
Concepción Burgo tamén se referiu á clausura da Feira do Libro Antigo e de Ocasión que rematou este domingo. Dixo que foi unha “feira satisfactoria na que se produciu un incremento notable do número de visitantes e de compradores” con respecto á anterior edición.

Visitas Teatralizadas
Burgo dixo, en referencia ás visitas teatralizadas O Encanto de Lugo, que cambiará a organización e percorrido da visita. “Remataron as obras que se estaban levando a cabo na Praza de Pio XII polo tanto ampliarase o percorrido dos actores que irán dende a Praza de Santa María, ata a zona Muralla, para rematar en Pio XII.

Actuación San Froilán
A Concelleira de Cultura aproveitou ademais para presentar unha nova actuación para o San froilán 2007. O Domingo das mozas estará en Lugo a cantante galega Mercedes Peón.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova