Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O CEI-Nodus estará presente na feira Expolugo


# Xoves, 27/09/2007
Sete empresas instaladas no centro achegarán ó público os seus productos entre o 4 e o 7 de outubro

O Centro de Empresas e Innovación e Centro de Servizos Tecnolóxicos (CEI-Nodus) estará presente cun stand propio na feira Expolugo que terá lugar de o día 4 ó 7 de outubro. O CEI-Nodus busca deste xeito achegarse ó conxunto da poboación de Lugo para dar a coñecer a súa ampla oferta de servizos para as empresas, os emprendedores e os traballadores desempregados.

Nos vindeiros días, os emprendedores que se acheguen ó stand do CEI-NODUS descubrirán un centro e un equipo de técnicos que lles axudarán a facer realidade a súa idea empresarial. Dende o desenvolvemento do plan de negocio ata a consolidación da empresa nas instalacións do seu viveiro, pasando polo asesoramento iniciático, o asesoramento en axudas e subvencións, a realización dos trámites de constitución e inicio de actividade, etc.

As empresas consolidadas que visiten o stand desta iniciativa do Concello de Lugo atoparán unha oferta de servizos encamiñados a mellorar a súa productividade e competitividade. Os técnicos do CEI-Nodus asesorarán ás empresas para que ningún proxecto innovador quede sen axuda. Identificarán as posibles actividades innovadoras que xa se están levando a cabo ou que se poderían realizar en cada empresa, facendo un estudio personalizado para cada caso. Asesorarán sobre o financiamento das actividades de I+D+i co respaldo da importante rede de técnicos do PI+D+i (pertencente ó CDTI, do Ministerio de Industria) e da que o CEI-NODUS forma parte.

Ademais, os empresarios poderán coñecer a disposición de espacios dotados coas máis avanzadas tecnoloxías que lles permitirán dende a celebración de cursos de formación para os seus empregados, ata demostracións tecnolóxicas, videoconferencias, celebración de reunións e congresos, etc. Todos estes servizos están a disposición non só das empresas instaladas no Centro de Empresas, senón tamén para todas as empresas que o precisen, a uns prezos públicos moi por baixo do mercado.

Nos case 150 m2. de stand do CEI-NODUS os visitantes han poder coñecer de preto algunhas das empresas instaladas no centro. Sete destas empresas achegan ó público de Lugo os seus productos e servizos, que van dende a instalación de enerxías renovables ó asesoramento financeiro.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova