Imprimir

O GRUPO DE TEATRO LA BARRACA TRAE A LUGO ENTRE BOBOS ANDA EL JUEGO


17/7/2007 A representación terá lugar o venres 20 de xullo na Praza de Anxo Fernández Gómez ás 22:30 horas

O grupo de teatro La Barraca, creado hai 75 anos por Federico García Lorca e recuperado na actualidade polo Ministerio de Cultura, representará en Lugo a obra de teatro Entre bobos anda el juego do dramaturgo Francisco de Rojas Zorrilla, enmarcada dentro do programa de actividades culturais Verán en Lugo, da Concellería de Cultura.

Hai 75 anos La Barraca estaba composta por un grupo de universitarios que empregaba as vacacións para levar as obras do Século de Ouro español a pobos e cidades necesitadas de actividades escénicas. Eran actores e actrices non profesionais que para García Lorca debían ser os que rexenerasen o teatro español.

La Barraca, baixo a dirección de García Lorca perviviu ata a Guerra Civil e nese tempo percorreu máis de media España cun camión e un autobús, levando consigo todo o decorado, iluminación e vestiario necesario para sair a escena.

Na actualidade, o Ministerio de Cultura, a través da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, recuperou este proxecto que agora viaxa por toda Galicia ata o 22 de xullo.

Entre bobos anda el juego

In Vitro Teatro, a Aula de Teatro da Universidade de Jaén, comezou a funcionar en outubro de 1998, formada por estudantes universitarios. Agora representa en Lugo, na Praza de Anxo Fernández Gómez, Entre bobos anda el juego.

É a comedia máis representativa de Francisco de Rojas Zorrilla. Ó longo do século XX só a obra Del rey abajo ninguno, puido competir con ela en número de representacións.

Entre bobos anda el juego, é unha comedia na que os amores e os desamores, os ciumes e as paixóns entre os protagonistas son a tónica da representación.