Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A terceira edición de Teateatre oferta tres cursos de formación actoral para profesionais e afeccionados


# Luns, 23/07/2007


A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou xunto á Vicerreitora Adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Celia Besteiro; á Directora de Palimoco Teatro, Paloma Lugilde; e á Directora da Escola de Arte e Lecer, Asunción Fernández, o III Teateatre.

A edil explicou que “este programa intenta completar a actividade teatral que se desenvolve na cidade e conta cun gran seguimento, como demostra o alto número de compañías de teatro afeccionado que existen en Lugo”. Concepción Burgo destacou que “o Concello, ademais de apostar pola formación, organiza a Mostra de Teatro Afeccionado Cidade de Lugo, para dar a coñecer o traballo destes grupos teatrais lucenses”.

Esta terceira edición do Teateatre oferta tres cursos de formación actoral para profesionais e afeccionados. Este programa, elaborado polo Concello de Lugo en colaboración co Colexio Fingoi, Palimoco Teatro e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, pretende servir de foro de encontro para actores e amateurs do teatro.

Os cursos desenvolveranse durante os meses de agosto e setembro na Aula de Teatro e Danza da USC e a matrícula formalizarase na sede do Vicerreitorado ou a través dos teléfonos 982 285 900 de 9:00 a 14:00 horas. O prazo para inscribirse abre o día 24 de xullo e permanecerá aberto ata unha semana antes do inicio de cada curso.


Como nas outras edicións, os cursos serán impartidos por acreditados profesionais do mundo do teatro. Un total de 170 alumnos participaron nas actividades pedagóxicas dos anteriores Teateatre.

O director de escena e profesor de voz e linguaxe, Vicente Fuentes, impartirá o primeiro dos seminarios que se celebrará entre o 16 e 19 de agosto, dedicando a quenda de mañá a traballar o corpo e a voz e a quenda de tarde á realización dun laboratorio de voz. Baixo o nome de “O corpo da voz” ten un custe de 180 euros, reducidos a 160 para os grupos especiais e terá lugar na Aula de Teatro da USC que se atopa na Facultade de Veterinaria.

O segundo dos cursos, “Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe” será impartido pola actriz e profesora do Movemento e Dramaturxia do Movemento, Isabel Úbeda, entre os días 27 e 31 de agosto en horario de 9:00 a 15:00 horas na Aula de Teatro e Danza da USC. A inscrición é de 180 euros, reducidos tamén para grupos federados a 160 euros.

Xa no mes de setembro, o actor Avelino González, transmitirá as súas habilidades no curso “Construción e manipulación de zancos” que se celebrará os días 10, 17, 24 e 29 na Aula de Tecnoloxía do Colexio Fingoi. A matrícula terá un custe de 90 euros e de 70 eurow para os grupos federados. Para rematalo, os participantes dos tres cursos de zancos do Teateatre participarán nesta última clase práctica que se impartirá na Praza de Santa María, de xeito que o público poderá contemplar a destreza destes zancudos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova