Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival Cameralia abre a súa programación en Lugo cun concerto do Ensemble da Fundación R. Groba


# Martes, 24/07/2007
A cidade acollerá catro concertos entre o 25 e o 28 de xullo

Esta primeira edición percorrerá Galicia para achegar a música de cámara a todos os públicos

O Festival Cameralia abre a súa programación en Lugo cun concerto do Ensemble da Fundación R. Groba que terá lugar, este mércores día 25 a partir das 21:30 horas no Círculo das Artes. Este proxecto está financiado polo Concello de Lugo e a Consellería de Cultura e tamén conta coa colaboración do IGAEM na súa organización.

Esta novidosa iniciativa está a percorrer toda Galicia para achegar os concertos de cámara a todos os públicos e dar a coñecer os mellores intérpretes galegos. O festival iniciou a súa andaina o pasado día 22 de xullo en Santiago de Compostela e visitará Pontevedra, Ourense, Ferrol, Lalín, Ribadeo e Moaña, ademais de Lugo.

Cameralia ofrecerá na cidade un programa de catro concertos, que se celebrarán os días 25 e 26 de xullo, ás 21:30 horas, no Círculo das Artes; e o venres 27 e o sábado 28, tamén ás 21:30 horas, na Igrexa de San Pedro. Estes concertos son gratuítos e están abertos a todo o público.

Presenza dos mellores intérpretes

O cartel de concertistas do festival está composto polos mellores intérpretes de música de cámara do panorama mundial e, ademais, presenta aos froitos da Academia Internacional de Música de Cámara de Galiza.

O Ensemble da Fundación R. Groba deleitará ao público asistente cun repertorio de Beethoven, Rachmaninoff e R. Groba este mércores, día 25 de xullo, no Círculo das Artes. Este escenario acollerá o día 26 o concerto de Ensemble Nayb e Alicia González Permuy, que tocarán pezas dos mestres Beethoven e Mozart.

A Igrexa de San Pedro será o marco da actuación do Quartet Alquimia o venres 27 de xullo, que interpretará obras de Mozart e Haydn; e do grupo Qvixote Quartet, que ofrecerá un repertorio de Haydn, Mozart e Toldrá.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova