Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello inaugura un novo centro social en Lamas de Prado de 500 metros cadrados


# Luns, 22/01/2007
Acollerá todas as actividades de animación sociocultural, a 4ª ocioteca da cidade e unha sala de lecer para os maiores

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Servizos Sociais, Carmen Basadre, e membros da Corporación inauguraron o novo centro comunitario de Lamas de Prado, que vén complementar as instalacións xa existentes en Aquilino Iglesia Alvariño e na Praza do Castiñeiro. O novo centro acollerá as actividades de animación sociocultural, a 4ª ocioteca da cidade e o espazo de lecer dos maiores. Mentres, as instalacións de Aquilino Iglesia Alvariño concentrarán a atención de servizos sociais e o local da Praza do Castiñeiro será un centro de dinamización de novas tecnoloxías.

O Alcalde descubriu a praca das novas instalacións, que acadan os 500 metros cadrados e tiveron un presuposto de adxudicación de 278.000 euros. Situado na planta baixa do número 6 da rúa Poeta Díaz Castro, o centro dispón de dúas entradas accesibles que dan paso a tres grandes espazos: a 4ª ocioteca da cidade –reservada para os máis pequenos-, a sala para actividades de animación sociocultural e exercicio físico, e o espazo reservado para a lectura, o lecer e o baile dos maiores. O centro ten un sistema de mamparas móbiles que permitirán axustar o espazo ás necesidades do momento, dispón de aseos accesibles e dun almacén.

“Creo que melloramos nun 100% as condicións de habitabilidade e polo tanto de benestar dos veciños. Queremos que o disfruten todos”, dixo o Alcalde. “Cúmprense o que pretende o equipo de goberno: que independentemente de onde vivan os veciños, vivan en igualdade de dereitos”, afirmou.

Para ofrecer maior intimidade ós usuarios, o centro social da rúa Aquilino Iglesia Alvariño concentrará a atención primaria de servizos sociais, así como a unidade administrativa e o programa municipal de educación familiar municipal. Mentres, o antigo local da Praza do Castiñeiro transformarase nun centro de dinamización das novas tecnoloxías: “xa está montado: ten acceso a internet e están postos os ordenadores. Quero que grandes e pequenos perdamos o medo ás novas tecnoloxías para que Lugo sexa unha cidade dixital”, dixo o Alcalde.

Como anécdota da xornada, o Alcalde estreou o espazo dedicado ó xogo de mesa dos maiores cun truco de maxia. Atinou a carta da baralla seleccionada por unha xornalista para sorpresa dos asistentes.

Outros centros sociais

José López Orozco explicou o traballo do Concello de Lugo para construír outros centros sociais: “Eu quero proseguir neste camiño. Canto me gustaría que este acto fose xa a inauguración do centro social de Fontiñas, que xa está adxudicado. Tamén imos licitar este ano un novo centro na Piringalla, onde irá tamén unha Casa das Linguas. Xa adxudicamos para que se redacte o proxecto”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova