Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta a programación cultural para agosto e setembro


# Martes, 24/07/2007
As Visitas Teatralizadas, que xa acumulan 600 espectadores, continúan ata finais de setembro

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou a nova programación cultural deseñada polo Concello de Lugo para os meses de agosto e setembro. Ao longo destes dous meses, a cidade acollerá unha trintena de actividades culturais gratuítas que abarcan concertos, espectáculos de maxia, proxeccións de curtametraxes ou mostras de oficios tradicionais, entre outros temas.

As noites dos sábados estivais, a partir das 22:30 horas, a Praza de Anxo Fernández Gómez convertirase no escenario de concertos de música de xéneros variados. O Concello aposta pola calidade creativa dos grupos locais para ofrecer aos lucenses e aos turistas veladas musicais gratuítas e para todos os públicos.

Deste xeito, a música tradicional galega estará presente neste programa de concertos a través do grupo Cantar das Eiras, que ofrecerán a súa actuación o día 3 de agosto a partir das 21:30 horas. O sábado 11, tocarán os cantautores Iván e Josito. O grupo Psicolepsia presentará o día 18 o seu estilo ecléctico. O sábado 25, o Cuarteto Camerata deleitará ao público cun repertorio de música clásica; e, para rematar, o día 8 de setembro actuará o grupo Kentokaki.

A maxia será a protagonista das noites dos venres 3 e 31 de agosto coas actuacións do mago Teto e do mago Rafa, respectivamente, na Praza de Anxo Fernández Gómez a partir das 22:30 horas. Estas actividades son gratuítas e abertas ao público en xeral.

O programa de “Vellos oficios tradicionais” continúa todos os sábados de 11:30 a 15:30 horas pola mañá, e de 17 a 21 da tarde nos soportais da Praza Maior ata o día 8 de setembro. A edil sinalou que “estas mostras en vivo do traballo que realizan distintos artesáns tradicionais teñen moi boa acollida tanto entre os lucenses como entre os turistas; ademais, resultan ser unha extraordinaria campaña de promoción para os artesáns.”

O cine estará presente a través de “Rede Curtas 2007” que, os venres 10, 17 e 24 de agosto, achegará ao público unha selección das mellores curtametraxes galegas e españolas. As proxeccións terán lugar na Praza de Anxo Fernández Gómez a partir das 22:30 horas.

O programa Artes no Camiño presentará catro concertos e unha representación teatral entre o 1 e o 20 de agosto.

No mes de agosto, Lugo conmemora dúas festividades que gozan de gran tradición popular, como son a Festa da Nosa Señora, que terá lugar o día 15 de agosto, e a de San roque, que se celebra en Lugo desde o século XVII na Capela de San Roque todos os 16 de agosto.

En setembro, o día 1 na Praza de Anxo Fernández Gómez, presentarase, a partir das 23:00 horas, o “Manifesto Piantao” elaborado por un grupo de artistas lucenses. O venres día 7, os nenos poderán participar en obradoiros científicos coa actividade a “Rúa da Ciencia Divertida” que se desenvolverán na Praza de Anxo Fernández Gómez a partir das 18:00 horas.

A partir do día 13 de setembro, a Banda Municipal de Música retoma a súa tradicional actuación semanal tras o parón vacacional, e todos os xoves ás 19:45 ofrecerá os seus concertos no templete da Praza Maior. Doutra banda, entre o 15 e o 25 de setembro, Lugo acollerá a XXIX Semana Internacional de Cine de Autor.

Visitas Teatralizadas
A Concelleira realizou un balance das Visitas Teatralizadas, que comezaron o pasado 7 de xullo e continuarán ata o 23 de setembro. Ao longo destas fins de semana, celebráronse vinte visitas guiadas que foron seguidas por 600 espectadores e contaron cunha media de trinta persoas por actuación.

Desde o pasado día 20, coa finalización das obras de restauración do Pantocrátor da catedral, o espectáculo de “O encanto de Lugo: A cidade transparente” xa realiza o percorrido íntegro, polo que parte da Praza de Santa María para rematar na Porta de Santiago.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova