Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello edita un facsímil da Real Cédula de Fernando VI para a celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia


# Venres, 15/06/2007
A publicación será o agasallo institucional do acto do domingo

O Concello acaba de editar un libro que recolle a edición facsímil da Real Cédula de Fernando VI do 17 de decembro de 1754. Este documento fixo efectiva a gracia real de 400 pesos anuais concedida por Felipe V ao pobo de Lugo para celebrar o acto da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

O documento orixinal, propiedade do Concello de Lugo, está custodiado no arquivo do Museo Provincial e destaca tanto polo seu valor histórico, como pola calidade estética. A extraordinaria beleza da súa caligrafía e a exquisita portada heráldica convérteno nunha obra mestra da época.

O libro publicado polo Concello reproduce o documento fielmente e incorpora unha breve análise da evolución do culto ao Santísimo Sacramento realizada polo maior especialista galego en historia da relixiosidade, Domingo Luis González Lopo.

Nos últimos tres anos o Concello vén editando publicacións especiais sobre o acto da Ofrenda ao Santísimo Sacramento para recuperar os aspectos históricos deste ritual. No ano 2005 iniciouse a serie cunha edición da escritura das capitulacións con que a Xunta do Reino establecía a Ofrenda en 1669. Ao ano seguinte publicouse un libro que recollía os vintecinco discursos dos oferentes nos primeiros cinco lustros da democracia.

Como é costume municipal, o Concello agasallará a cada convidado cun exemplar da nova publicación titulada “O Culto Eucarístico en Lugo e as doazóns reais” no acto da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

Ofrenda do domingo

Este domingo terá lugar a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que terá lugar a partir das 12:00 horas na Catedral de Lugo e estará presidida polo Arzobispo de Santiago, Julián Barrio. O Alcalde da Coruña, Javier Losada, será o responsable de facer a Ofrenda, é dicir, fará de Delegado Oferente. Vense realizando en Lugo dende o ano 1669 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia.

Este acto solemne realízase só en Lugo, aínda que cada ano é unha cidade a encargada desta ofrenda. O ano pasado este honor recaeu sobre o actual Alcalde de Lugo, José López Orozco.

Nesta Ofrenda, ademais de Lugo e A Coruña, participarán as cidades do Antigo Reino de Galicia (Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Ourense e Tui), as catro Deputacións Provinciais, as primeiras autoridades galegas e tamén outras locais. Ata o momento 60 autoridades xa confirmaron a súa asistencia.

Despois da Ofrenda na Catedral, comezará a procesión polas rúas da cidade. Un día antes, o sábado, terán lugar as Solemnes Vésperas a partir das oito da tarde. Participarán, como todos os anos, a Corporación Municipal, o Cabildo Catedralicio e un Tenente de Alcalde do Delegado Rexio, o concelleiro Carlos González-Garcés.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova