Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan as visitas teatralizadas cun novo guión e a maioría dos actores lucenses


# Venres, 06/07/2007
Ó longo dos meses de xullo, agosto e setembro haberá 113 funcións na Praza de Santa María

Isabel Barreiro, Xerente do Plan de Excelencia Turística, e Santiago Pérez Carrera, responsable do espectáculo, presentaron a terceira edición das Visitas teatralizadas: O encanto de Lugo. A cidade transparente, que comeza este sábado 7 de xullo. Entre as novidades destaca un guión lixeiramente modificado no que o mestre de cerimonias pasa a ser o tradicional polbo de San Froilán.

Este ano ademais o 75% do plantel está composto por actores lucenses. Isabel Barreiro destacou que ese “foi o compromiso adoptado polo Plan de Excelencia e pola Concellería de Cultura cando comezou o espectáculo en Lugo, e para nós é moi importante que sexa así”.

Ó longo do verán, ata o 23 de setembro, haberá 113 funcións de luns a domingo con pases diurnos e nocturnos. As entradas estarán á venda como en anos anteriores na Oficina de Turismo Municipal e nos hoteis da cidade. A novidade é que este ano tamén se poderán adquirir a través dos touroperadores virtuais que asinasen un convenio co Concello de Lugo.

Novo guión

Nesta ocasión as visitas teatralizadas incorporan novas escenas e novos personaxes. Barreiro destacou que se trata dun guión diferente e polo tanto dun espectáculo novo, “invitamos a todos os lucenses e visitantes a que se acheguen a coñecer este espectáculo que permite coñecer mellor a cidade. Nós estamos moi orgullosos destas actividades. O ano pasado o Ministerio de Cultura recoñeceu cun premio o traballo feito en Lugo como Cidade Patrimonio da Humanidade“.

Haberá 6 actores e 3 músicos que darán ós visitantes unha nova visión da Catedral, a muralla, o clima e a gastronomía do municipio. Santiago Pérez destaca que quería que a representación transmitise a idea de festa “este ano é un espectáculo máis festivo. En Lugo non só chove auga, tamén cores, espazos…”.Todas as escenas terán como decorado o contorno da Praza de Santa María.

A boa acollida do espectáculo, o ano pasado asistiron a el 4.000 persoas, fixo que a Concellería se esté a plantexar o seu mantemento noutras épocas do ano como Semana Santa.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova