Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello convoca a sexta edición do concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo


# Venres, 30/03/2007
Esta iniciativa encádrase dentro dun programa que se desenvolve entre escolares para ensinar boas prácticas viarias

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro presentou esta mañá a VI edición do concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo destinado a todos os escolares e a estudantes de secundaria e bacharel de toda Galicia. Na presentación estiveron presentes os máximos representantes das institucións colaboradoras: o Delegado Provincial de Educación, José Rábade Arias, o Xefe Provincial de Tráfico, Julio González Díez, o Director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa e o Director da Fundación Mapfre para Lugo e Ourense, Antonio Expósito.

Esta iniciativa municipal está orientada a fomentar unha boa educación viaria entre os nenos e os mozos galegos e convídaos a reflexionar sobre este tema a través dun exercicio de creatividade. O Delegado Provincial de Educación e o Xefe Provincial de Tráfico coincidiron en destacar a importancia deste tipo de iniciativas para educar, concienciar e previr dende a infancia para sensibilizar aos cidadáns sobre as boas prácticas viarias.

Dende o Concello estase a desenvolver un programa de Educación Viaria a través de varias actividades para nenos e mozos que se celebran ao longo do curso escolar no Parque Infantil de Tráfico e nos colexios. A este respecto, a edil anunciou que este plan vai ser ampliado a toda a sociedade levando a cabo diversas accións de sensibilización para previr accidentes e concienciar aos cidadáns dos perigos do tráfico.

Nas pasadas edicións deste concurso acadouse un éxito de participación, e ano tras ano aumenta o número de colexios que dende toda Galicia mandan traballos. No ano 2006 participaron un total de 36 centros educativos que competiron polo trofeo ao centro con maior calidade artística. Este trofeo serviu de motivación a profesores e rapaces para presentar traballos moi elaborados, tal e como explicou José Reigosa.

As bases establecen cinco categorías de participación que comprenden idades de 3 a 17 anos:
- Categoría A: para 1º, 2º e 3º de primaria;
- Categoría B: para 4º, 5º e 6º de primaria;
- Categoría C: para 1º, 2º e 3º de secundaria;
- Categoría D: para 4º de secundaria, 1º e 2º de bacharel;
- Categoría E: para Educación Especial
O prazo de presentación dos traballos finaliza o 16 de abril e pódense presentar nas oficinas de Rexistro Xeral do Concello ou na Xefatura Provincial de Tráfico. Para máis información pódense consultar as bases na web www.lugo.es.

Os galardóns do concurso entregaranse o día 4 de maio nun acto encadrado dentro do programa da Festa da Seguridade Viaria. O concurso establece tres premios para cada categoría e consisten en ordenadores portátiles, bicicletas e cascos, minicadeas musicais ou trofeos segundo a categoría.

Festa de Seguridade Viaria
Este acontecemento vense celebrando dende fai seis anos e conta cun amplo programa de actividades lúdicas relacionadas coa educación en materia de seguridade viaria. O Concello instalará en varios puntos do casco histórico distintas zonas de actividades como un circuito de karts e de ciclomotores, outro de radiocontrol, unha exposición de aeromodelismo e unha zona para aprender patinaxe.

Esta celebración terá lugar os días 5 e 6 de maio e ademais, todos os debuxos recibidos serán expostos nunha carpa instalada na Praza Maior.

Por outra banda, o Delegado Provincial de Educación adiantou que a Consellería de Educación, a de Sanidade e a COTOP están a deseñar conxuntamente un programa de prevención de accidentes de tráfico que se porá en funcionamento proximamente.

Do mesmo xeito, o Xefe Provincial de Tráfico tamén explicou que dende a aplicación da normativa do carné por puntos disminuiron nun 30% as mortes por accidente de tráfico na provincia con respecto ao ano pasado. Asimesmo, adiantou que dende esta xefatura estase colaborando co Sergas nunha campaña de sensibilización destinada a persoas da terceira idade que consistirá en charlas informativas e no reparto de material reflectante. Esta iniciativa desenvolverase a nivel autonómico e está encadrada dentro do Plan de Seguridade Viaria, tal e como sinalou Julio González Díez.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova