Imprimir

O PROGRAMA DE ACTIVIDADES CULTURAIS DE VERÁN EN LUGO INTRODUCE DOUS CAMBIOS PARA ESTA FIN DE SEMANA


23/8/2007 O concerto do Cuarteto Camerata adiántase a este venres por motivos de axenda do grupo

A cita de Rede Curtas 2007 cambia o seu horario para o sábado 25 e estrea un novidoso sistema de proxección

O programa de actividades culturais de Verán en Lugo elaborado pola Concellería de Cultura introduce dous cambios para esta fin de semana:

- Dunha banda, o concerto do Cuarteto Camerata, programado para o sábado 25 ás 21:00 horas, adiántase á noite deste venres, día 24, a mesma hora, debido a motivos de axenda do grupo. A actuación terá lugar na Praza de Anxo Fernández Gómez.

- Doutra banda, a proxección de Rede Curtas 2007, que estaba prevista para o venres 24 ás 22:30 horas, pasa a celebrarse o sábado 25, á mesma hora, na Praza de Anxo Fernández Gómez. O programa fílmico da velada inclúe os seguintes títulos: Grato, Logo sendeiro de pedra, El pan nuestro, ¿Perfecto?, e Humanos con patatas.

Estrea dun novidoso sistema de proxección

A cita cultural de Rede Curtas 2007 deste sábado presenta como novidade a estrea dun novidoso sistema de proxección con pantallas inchables. Este tipo de pantallas son as que se empregan no Festival Sundance de Utah ou no Festival de Curtas de Tribeca en Nova Iorque.

Este sistema, único en Galicia e deseñado nos Estados Unidos, conta con dous equipos de diferente tamaño e fabricados en PVC, que tanto se poden empregar en exteriores como adaptar para espazos interiores.

A máis pequena das pantallas inchables ten unha superficie de proxección de 3'65 x 2'13 metros con tea de alta definición e en formato 16:9. A estrutura completa mide 5'00 x 4'00 metros e conta cun sistema de ancoramento ao chan.

A outra pantalla, de maior tamaño e de proxección frontal, ten unha superficie de proxección de 6'09 x 3'35 metros, tamén en tea de alta definición e en formato 16:9. A estrutura completa da pantalla mide 8'00 x 5'00 metros e tamén vai equipada cun sistema de ancoramento ao chan.