Máis de 16.300 persoas foron atendidas este verán na Oficina de Turismo Municipal
# Luns, 03/09/2007
Italianos, franceses e arxentinos son os foráneos que máis visitaron a cidade entre xuño e agosto
A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, fixo balance das visitas de turistas á cidade nos meses de verán. A Concelleira indicou que entre xuño e agosto, un total de 16.345 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo para solicitar información. Esta cifra supón un incremento dun 13% respecto ó verán do ano pasado, superando en 1.548 visitas ó mes de agosto do 2006. Burgo afirmou que “estas son cifras que indican a consolidación da cidade como destino turístico a pesar de que, en ocasións, a climatoloxía non axude como pasou este ano”.
Un total de 3.047 das persoas que acudiron a Oficina de Turismo do Concello procedían do estranxeiro. Os foráneos que máis visitaron a cidade foron os italianos, seguidos polos franceses e os arxentinos.
Do resto de España foron os catalanes e os madrileños os turistas máis numerosos, seguindo coa tónica dos pasados anos.
Os museos da cidade recibiron tamén numerosas visitas. O Centro arqueolóxico de San Roque tivo nos meses de verán un total de 758 visitantes; a Casa dos Mosaicos 6.995 e a Sala de Exposicións Porta Miñá 1.368.
Verán en LugoA Concelleira tamén indicou que dende o comezo desta tempada das visitas teatralizadas, O encanto de Lugo, a cidade transparente, máis de 1.500 persoas pasaron a coñecer ós personaxes da historia encadrada na muralla e no centro histórico. Concepción Burgo cree que “chegaremos a unha cifra moito maior xa que teremos visitas teatralizadas ata o 23 de agosto”.
O resto de actividades organizadas pola Concellería de Cultura e Turismo dentro do programa Verán en Lugo, tiveron o mesmo éxito dende o seu inicio, tanto as demostracións dos oficios tradicionais que conforman Os Vellos Oficios Vivos na Praza Maior, como as actuacións de maxia e música as fines de semana na Praza de Anxo Fernández Gómez.
Algúns concertos para San FroilánA Concelleira tamén aproveitou para anunciar algúns dos artistas que actuarán durante as festas deste San Froilán 2007:
- Albert Pla o 10 de outubro
- El Sueño de Morfeo o 10 de outubro
- Orishas o 11 de outubro
- Mercedes Peón o 12 de outubro
Compartir: