Imprimir

UNHA MOSTRA DE FIADEIRAS, TECEDEIRAS E CANTAREIRAS DESPIDEN OS VELLOS OFICIOS VIVOS DO PROGRAMA VERÁN EN LUGO


7/9/2007 Terá lugar este sábado, 8 de setembro, no fondo dos soportais da Praza Maior

As mostras dos Vellos Oficios Vivos encadradas no programa de actividade culturais Verán en Lugo elaborado pola Concellería de Cultura e Turismo despídense este sábado, día 8 de setembro, coa demostración dos traballos dun grupo de fiadeiras e tecedeiras, que estarán acompañadas por un conxunto de cantareiras.

Esta actividade desenvolverase, como veu sendo habitual ao longo destes meses estivais, ao fondo dos soportais da Praza Maior, entre as 11:30 e as 15:00 horas pola mañá, e entre as 17:00 e as 21:00 horas pola tarde. As fiadeiras Carmen Rodríguez (tear), Pilar Vázquez Rodríguez (tear fleques), Víctor (mazorgueiro canillas), Amable (fiar na roca), Delfina (cardar a la), Amparo Dacal Frei (devanadora) amosarán o seu arte para fiar e tecer.

Un total de 37 artesáns amosaron aos lucenses e aos turistas os seus distintos oficios, dos que son herdeiros e manteñen vivos seguindo as tradicións ancestrais.

Esta actividade foi concebida para dar difundir e promocionar os sistemas de traballo seculares que empregan estes artesáns para elaborar os seus produtos. Durantes os sábados dos meses de xullo e agosto exhibiron a súa destreza silleiros, palilleiras, ferreiros, zoqueiros, oleiros… todos representantes dun estilo de traballar que sobreviviu á Revolución Industrial.