Imprimir

A OITAVA EDICIÓN DO CORRE CON NÓS COMEZA O 11 DE NOVEMBRO


18/10/2007 O circuíto de carreiras populares organizado polo Concello de Lugo terá unha proba cada mes ata xuño

A día 11 de novembro dará comezo nas pistas de Atletismo Gregorio Pérez Rivera a oitava edición do circuíto de carreiras populares Corre con Nós, que este ano arrinca cunha serie de novidades, que foron presentadas hoxe polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío.

O respondable municipal estivo acompañado por Manuel Castiñeira, do Club Medio Maratón; o técnico organizador das carreiras Gonzalo Pereira e os responsables das entidades patrocinadoras, Cristina Pérez, representante do C.C. As Termas, e Raúl Centelles, representante de Begano Coca-Cola.

Como suliñou o Concelleiro, “este circuíto é un fenómeno social cunha participación que non se dai en ningunha cidade de España”. Grandío engadiu que “se está a converter nunha canteira para captar novos valores do atletismo lucense”.

Será, como sempre, unha carreira por mes e se establecerán catro categorías para pequenos e dez para adultos. Esta é outra novidade, xa que os adultos demandaran a división en categorías antes de que rematara a competición debido ao reñido das carreiras. Para os rapaces as distancias que se percorrerán serán de entre menos dun quilómetro ata tres. Os adultos terán que percorrer entre 5 e 7 quilómetros.

Entre as novidades deste ano destaca o desdobramento da carreira de rapaces do 8 de xuño nunha proba combinada de carreira, salto e lanzamento de peso. Ademáis, este ano haberá unha puntuación por equipos que deberán contar cun mínimo de 2 mulleres e 4 homes. O Concelleiro indicou que “con esta puntuación trátase de fomentar a máxima incorporación das mulleres a estas actividades”.

Participando en seis carreiras das oito do circuíto, tanto pequenos como adultos obterán como premio un vale de 60 euros para trocar por material deportivo en Deportes Elide. Por suposto, os gañadores de cada unha das categorías en cada carreira recibirán o seu premio.

O Concelleiro suliñou a importancia que están a ter estas carreiras, e espérase que unha media de 850 corredores participaron o ano pasado en cada edición. Este ano a organización agarda ter unha media de 1000 participantes por proba.

Os interesados en inscribirse poderán facelo do 22 de outubro ó 8 de novembro a través da web
Corre con Nós ou na Concellería de Deporte presentando a ficha de inscrición.