Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As rebaixas de verán transcurriron con total normalidade na cidade


# Venres, 07/09/2007
Aínda que a maioría dos comercios as remataron o pasado 31 de agosto, algúns as manterán ata a semana que vén

A OMIC non rexistrou ningunha reclamación

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) informou que a vindeira semana rematan as rebaixas de verán. Aínda que a maioría dos comercios as remataron o pasado 31 de agosto, algúns establecementos as manterán ata a semana que vén. Os comercios que as prolongan durante uns días máis son as zapaterías, que habitualmente retrasan o seu inicio entre o 7 e o 10 de xullo.

Desde a OMIC destacan que o período de rebaixas transcurriu con normalidade, tanto para o consumidor como para os comerciantes. As rebaixas teñen a consideración de actividades de promoción de vendas e por tanto están reguladas por lei, concretamente na 7/1996, do 15 de xaneiro, de Ordeación do Comercio Minorista.

Os comercios dispoñen dun tempo máximo de dous meses e de sete días como mínimo para realizar a súa campaña de rebaixas, segundo determina a lexislación vixente. Tamén, teñen a obriga de ter colgado un cartel no que se informe con claridade da data de inicio e de finalización das rebaixas.

É imprescindible que o negocio en rebaixa faga figurar con claridade o prezo anterior xunto co prezo reducido. Os artículos obxecto da venda tiñan que estar antes á venda e durante un prazo mínimo dun mes. Ademais, está prohibido ofertar, como rebaixados, artículos deteriorados.

Durante este periodo de rebaixas, que comezou o 1 de xullo, na Oficina Municipal de Información ao Consumidor non se rexistrou ningunha reclamación. Un dos principais motivos é que o comprador está cada vez máis concienciado dos seus dereitos e acolle os consellos sobre os bos hábitos para realizar con satisfacción as súas compras. Doutra banda, os comerciantes tamén son coñecedores das súas obrigas e respectan a lexislación, polo que os casos de abusos son cada vez máis anecdóticos.

A oficina recibiu varias consultas de cidadáns sobre distintos temas referidos ao consumo, como:
1.- Sobre se os comercios están obrigados a aceptar tarxetas de crédito durante as rebaixas ou as poden rexeitar.
2.- Sobre a forma de proceder no caso do prezo dun artigo que era máis barato antes das rebaixas e co suposto desconto incrementouse.
3.- Sobre se os comerciantes poden negarse a vender un artigo exposto no escaparate.
4.- Varios cidadáns plantexaron dúbidas acerca dos mecanismos de devolución de produtos (casos de pérdidas de etiquetas e negativas dos comerciantes a recoller o artigo; dereito á devolución dos cartos en caso de artigo defectuoso).

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor editou un catálogo que recolle distintas recomendacións aos cidadáns para ter en conta durante este periodo e que as súas compras resulten satisfactorias e axustadas aos seus presupostos, como son as seguintes:

- Cando compre, esixa sempre o tique de caixa ou factura.
- Asegúrese de que a calidade do producto é igual á de antes das rebaixas.
- Dado que o etiquetado é a única referencia acerca da calidade, non compre productos sen etiquetar ou que non detallen a súa composición na etiqueta.
- Comprobe, na medida do posible, que o prezo é realmente inferior ó anterior ás rebaixas.
- Recorde que os establecementos que acepten habitualmente tarxetas de crédito, están obrigados a aceptalas tamén durante as rebaixas, sempre e cando o comerciante non poña un cartel anunciando o contrario.
- Se advirte algunha irregularidade reclame ante os servicios de consumo locais ou autonómicos.
- E, sobre todo, antes de comprar, reflexione sobre a necesidade real que ten do producto.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova