Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo asiste á inauguración do coloquio da Sociedade Internacional de Lingüística Funcional


# Martes, 11/09/2007
Será dende o día 11 ata o 15 na Facultade de Humanidades

A Sociedade Internacional de Lingüística Funcional celebra, desde este martes 11 ata o vindeiro sábado 15, o seu XXXI Coloquio anual na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde expertos de todo o mundo debaterán sobre o dominio científico da Lingüística Funcional e a súa aplicación ao estudo das diferentes linguas.

Ó acto inaugural deste congreso, que tivo lugar no centro lucense, asistiron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a vicerreitora de Oferta e Xestión Académica do Campus de Lugo, Begoña Barreiro; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño; a presidenta da Sociedade Internacional de Lingüística Funcional (SILF), Henriette Walter; e o organizador do coloquio e decano da Facultade de Humanidades, Alexandre Veiga.

O Alcalde destacou a importancia que teñen as linguas como "elemento de paz e de unión. As palabras expresan a realidade que é o ser humano". Deu a benvida a todos os participantes no coloquio "a esta cidade que os acolle con moito agarimo e que conta con 2.000 anos de historia ás súas costas. Lugo veu pasar dende lexionarios romanos ata moitos homes de paz".

López Orozco, agradeceu tamén o traballo realizado polos organizadores do coloquio, "un traballo intelectual que axudará a que Lugo sexa cada vez máis coñecida como Cidade Universitaria na que persoas como vostedes traballan e pensan. A min como filósofo gustaríame estar do outro lado, sentado, para escoitalos".

O Alcalde comezou a súa intervención dando a benvida en francés, como símbolo de cortesía tendo en conta a internacionalidade do Congreso e que na mesa presidencial se atopaba Henriette Walter, presidenta da SILF.


A organización explicou que neste congreso, en concreto, está prevista unha sección centrada no estudo das linguas minoritarias e a normalización lingüística. Outros aspectos a tratar serán a xeografía lingüística, a evolución gramatical e a historia das línguas. Os asistentes gozarán ademais de actividades paralelas e visitas guiadas tanto á cidade de Lugo como á de Santiago, á que se desprazarán o vindeiro xoves, para a celebración dunha das sesións na Facultade de Filoloxía do Campus de Compostela.

Entre os congresistas convidados destaca a presenza de expertos como Jeanne Martinet, lingüista e viúva do fundador da SILF; Wiaczeslaw Nowikow, da Universidade de Lódz en Polonia; Antonietta Dettori, da Universidade de Cagliari en Italia; Salvador Gutiérrez Ordóñez, da Universidade de León; ou Luis Santos Río da Universidade de Salamanca, entre outros.

A internacionalidade tamén destaca no congreso, xa que os asistentes proveñen de 23 países diferentes, incluíndo Francia, Italia, Grecia, Chipre, Arxelia, Polonia, Xapón, Moldavia ou Rusia.

A SILF
A SILF foi fundada en 1974 polo lingüista francés André Martinet, un dos nomes fundamentais na historia recente da lingüística mundial. Esta sociedade celebra anualmente os seus encontros, tendo lugar as pasadas citas en cidades como Frankfurt, en 2001, nas Antillas Francesas, no 2002, en Helsinki, no 2005, ou en Chipre, no pasado ano. A participación media nos coloquios do SILF atópase sobre o centenar de persoas, na súa maioría membros da sociedade.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova