Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello organiza unha charla informativa para fomentar o consumo responsable no Nadal


# Martes, 13/11/2007


Este xoves, día 15 de novembro, o Centro Social Uxío Novoneyra acollerá a partir das 20:00 horas a conferencia titulada “Comprar por comprar no Nadal”. A charla será impartida pola Presidenta da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco, que ofrecerá unha semblanza dos hábitos de consumo rexistrados nesta época do ano co fin de aportar aos lucenses unhas pautas de consumo responsable nunhas datas que incitan ás compras de xeito masivo e carentes de necesidade.

Esta conferencia intégrase no programa de actividades deseñado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor para os meses de novembro e decembro deste ano.

Estas actividades organízanse dacordo coa política do Concello de fomentar o consumo responsable entre os lucenses e de actualizar os seus coñecementos nesta materia achegándolles as últimas novas e reformas en normativas relacionadas co ámbito do consumidor.

Todos os xoves de novembro e decembro expertos profesionais impartirán charlas para empresarios, cidadás e nenos sobre distintos temas de gran interese para o consumidor. As conferencias agrúpanse en tres campos segundo os seus destinatarios: consumidores, empresarios e nenos.

Para os consumidores o Concello organiza catro charlas relacionadas coa telefonía, coas compras do Nadal, coa enerxía eléctrica e coas sucesións en Galicia, que son temas nos que os cidadás teñen moitas dúbidas e que acumulan gran cantidade de reclamacións como é o caso da telefonía móbil.

O seguinte tema que se abordará está relacionado coa enerxía eléctrica e a Presidenta da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco impartirá a charla “Un pulso á electricidade: eficiencia enerxética”. Terá lugar o xoves, 22 de novembro, ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra.

A conferencia sobre “As sucesións en Galicia” pecha este ciclo destinado aos consumidores en xeral. O notario José Manuel López Cedrón será o responsable de achegar aos lucenses as modificacións que introduce a nova normativa en materia de sucesións. A charla terá lugar o 29 de novembro ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra.

Todas estas charlas son gratuítas e ao fin de cada unha delas entregarase un obsequio a cada participante.

Charlas para empresarios

Para os empresarios o Concello de Lugo programa unha conferencia sobre a Lei de Garantía de Bens de Consumo e unha mesa redonda sobre a Arbitraxe de Consumo. A primeira destas actividades terá lugar o xoves 13 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel e será impartida polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo.

A mesa redonda sobre Arbitraxe de Consumo contará coa participación de representantes do Instituto Galego de Consumo, de Comercio e de Asociacións de Consumidores. Terá lugar o 20 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel.

Para os nenos de entre 6 e 10 anos de idade o Concello ofrecerá unha serie de obradoiros impartidos por Ciencia Divertida co fin de educalos en hábitos de consumo responsable.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova