Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo edita un libro que recolle poesías dedicadas á cidade


# Luns, 22/10/2007
Un total de 54 poetas de distintas épocas e procedencias aparecen nesta escolma

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou xunto ó escritor lucense e responsable da compilación, Darío Xohán Cabana, a nova publicación que edita o Concello baixo o título Poetas en Lugo.

O acto tivo lugar no Concello ás 20:00 horas e contou coa presenza de poetas lucenses e personalidades da cultura que acudiron para coñecer esta obra de “tan inmenso valor literario e cunha edición exquisitamente coidada”, tal e como sinalou o mandatario municipal. López Orozco explicou que o Concello ten un compromiso coa difusión da cultura, en especial coa lucense, e que nesta obra aúnanse a promoción da literatura e da cidade “pois Lugo é unha cidade moi poética e con esta obra damos a coñecer o seu aspecto máis literario”.

O título da obra, Poetas en Lugo, refírese á escolma de pezas poéticas de 54 autores de distintas épocas e procedencias que escribiron sobre a cidade de Lugo, desde o século XIII (o poeta máis antigo da escolma é Afonso X o Sabio) ata o século XXI (a poeta máis nova é Lupe Bao). Trátase dun conxunto impresionante de poesía de alto valor literario e evocador.

López Orozco lembrou as palabras do sabio que dixo “Lugo é unha cidade feita á medida do noso corazón”, e engadiu “que non é de estranar que se convirta na fonte de inspiración para os grandes poetas que pasearon e pasean polas rúas luguesas”. 

O libro, de 400 páxinas, presenta os poemas en edición bilingüe. Os escritos orixinariamente en galego –a maioría– levan a tradución ó castelán, e os escritos en castelán levan a versión galega. Ademais, inclúe catro curiosos versos en alemán, dun monxe do século XV, que van acompañados polas versións castelá e galega.

Entre os poetas incluídos figuran, ademais do rei Afonso X, os trobadores Fernando Esquío e Johán Romeu de Lugo, o Licenciado Molina, o Cura de Fruíme, Eduardo Pondal, Emilia Calé, Glicerio Barreiro, Luís Pimentel, Ánxel Johán, Ánxel Fole, Carballo Calero, Celso Emilio Ferreiro, Lorenzo Varela, Manuel María, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña... Cada un ten un estilo propio, pero todos coinciden en que nun momento das súas vidas Lugo foi a súa musa e inspirounos para a súa creación poética.

O destino principal deste libro é servir de agasallo institucional do Concello de Lugo ós nosos visitantes, e ábrese cunha «Porta» ou presentación do Alcalde e da Concelleira de Cultura. Ademais, os interesados poderán adquirila ao prezo de 15 euros na Oficina Municipal de Turismo.

A compilación e a escolma, así como as traducións simétricas, foron realizadas por Darío Xohán Cabana, membro numerario da Real Academia Galega e funcionario do Concello de Lugo, que tamén se encargou de coidar a edición.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova