Cargando....
Concello de Lugo
27/02/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza o Premio de Novela Longa Blanco-Amor


# Xoves, 08/11/2007
Os participantes poderán presentar as súas obras ata o 28 de decembro

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou hoxe a XXVI edición do Premio de Novela Longa Blanco-Amor que este ano organiza o Concello de Lugo.

Trátase dun premio patrocinado por 75 concellos galegos, xeralmente considerado como o máis importante para narrativa en lingua galega, e cun importe de 12.020 euros. Nel poden participar autores de calquera nacionalidade e non está vinculado polos seus patrocinadores á explotación económica, “polo que o autor conserva todos os dereitos sobre a obra premiada” explicou a Concelleira.

A influencia do Premio Blanco-Amor foi importantísima no desenvolvemento da narrativa galega dos últimos anos. Burgo indicou que “como é ben sabido, por razóns históricas, o corpus da novela galega de longa extensión era relativamente escaso, aínda que contaba con algunhas obras de calidade extraordinaria, entre as cales sobresaían, certamente, as dúas escritas por Eduardo Blanco-Amor: A esmorga e Xente ao lonxe”. A convocatoria desde 1981 do Premio de Novela Longa Blanco-Amor alentou fortemente a creación literaria dentro destes parámetros, dun xeito tal que na última edición de 2006 se presentaron 25 novelas de grande formato. Entre elas a obra gañadora foi a do lucense Xesús Rábade Paredes titulada Mentres a herba medra.

O Concello de Lugo participou como patrocinador do premio ó principio da súa andaina e nos anos 90 deuse de baixa. Pero o ano 2006 tomouse a decisión de volver a patrocinar este premio de carácter municipal, e no sorteo celebrado en Cedeira (concello que convocou a anterior edición) favoreceu ó Concello de Lugo, outorgándolle a honra de levar adiante a convocatoria, organización, designación do xurado e outorgamento do premio deste ano.

Bases do concurso

PRIMEIRA.- O premio estará dotado con 12.020 euros.

SEGUNDA.- Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

TERCEIRA.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.

CUARTA.- As obras presentadas terán que ser inéditas.

QUINTA.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido ó EXCMO. CONCELLO DE

LUGO - CONCELLERÍA DE CULTURA E TURISMO, Praza Maior, 1, 27001 LUGO, facendo constar no exterior «Para o XXVI Premio Blanco-Amor». Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora, e de ser posible o seu teléfono e enderezo electrónico.

SEXTA.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de decembro de 2007. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de marzo de 2008, en xuntanza que se celebrará no salón de sesións do Excmo. Concello de Lugo.

SÉTIMA.- O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Excmo. Concello de Lugo, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.

OITAVA.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade axeitada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco-Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

NOVENA.- O xurado fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.

DÉCIMA.- A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas serán devoltas ós/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando dende o día do veredicto. Os gastos de devolución serán a cargo dos autores. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.

DÉCIMA PRIMEIRA.- A entrega do premio terá lugar no mes de Abril de 2008, nun acto público que se convocará oportunamente.

DÉCIMA SEGUNDA.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as bases do mesmo.

DÉCIMA TERCEIRA.- Nos aspectos non contemplados nestas bases decidirá a entidade organizadora.

Relación de gañadores

2006: Xesús Rábade Paredes, Mentres a herba medra
2005: Francisco Castro, Spam
2004: Dolores Ruiz Gestoso, Dentro da illa
2003: Séchu Sende, Orixe
2002: Xosé Monteagudo, As voces da noticia
2001: Xosé Antón Perozo, Martázul
2000: Xosé Carlos Caneiro, Ébora
1999: Xosé Cid Cabido, Grupo Abeliano
1998: Xavier Alcalá, Alén da desventura
1997: Suso de Toro, Calzados Lola
1996: Xavier Lorenzo Tomé, O paxaro que canta un nome
1995:
1994: Xosé Cid Cabido, Panificadora
1993: Úrsula Heinze, Culpable de asasinato
1992: Ramón Caride Ogando, Soños eléctricos
1991: Fran Alonso, Tráiler
1990: Valentín Carrera, RíoSil
1989: Román Raña, O crime da rúa da moeda vella
1988: Miguel Suárez Abel, Turbo
1987:
1986: Lois Diéguez, A canción do vagamundo
1985: Xoán Manuel Casado, O inverno do lobo
1984: Alfredo Conde, Xa vai o Griffon no vento
1983: Xosé Manuel Martínez Oca, Beiramar
1982: Víctor Fernández Freixanes, O triángulo inscrito na circunferencia
1981: Daniel Cortezón, A vila sulagada


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova