Cargando....
Concello de Lugo
06/05/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Policía Local tramita máis de 150 solicitudes para as fogueiras de San Xoán


# Xoves, 21/06/2007
Máis de 40 asociacións pediron a subvención de Lume novo

A Policía Local tramitou máis de 150 solicitudes de permiso para a realización de fogueiras con motivo da Noite de San Xoán, que estarán repartidas por preto de 80 puntos de localización, tanto no centro urbán como na zona rural.

Con motivo desta festa, o Alcalde, José López Orozco, fixo público un bando no que lembra unha serie de normas de obrigado cumprimento para garantir a seguridade de todos os lucenses:

1ª.- Queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos.

2ª.- As fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo.

3ª.- Responsables e organizadores de cada fogueira deben retirar do lugar de celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima.

Ademais, en caso de incumprimento do indicado ou de queixas fundamentadas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios procederá a sufocar de inmediato a fogueira a requirimento da Policía Local.

É de obrigado cumprimento a obtención do permiso para a queima. Este deberá facerse nas dependencias da Policía Local antes das doce da noite de mañá, venres, xusto 24 horas antes da noite de San Xoán. A Policía Local notou un lixeiro descenso nas solicitudes debido ao mal tempo que afecta á cidade desde fai unha semana.

Por outra banda, a Policía Local, Protección Civil e Bombeiros teñen en marcha un dispositivo especial para vixiar o normal desenvolvemento desta festa tradicional e garantir a seguridade de todos os que nela participan.

Así, Protección Civil realizará unha supervisión previa das fogueiras da zona rural e manterá activa unha ambulancia a partir das dez da noite do sábado. Os bombeiros serán os encargados de facer esta vixiancia previa nas fogueiras da zona urbana.

O labor da Policía Local estará fundamentado en garantir o orde público e a seguridade vial e de Tráfico con dispositivos desplazados naquelas zonas onde se espera unha maior afluencia de xente.

Por outra banda, un total de 44 asociacións solicitaron a subvención de Lume Novo que concede a Concellería de Cultura e pola que se repartirán un total de 8.200 euros entre todas as solicitantes. Na súa maior parte trátase de asociacións veciñais e en 21 casos indícase que as fogueiras van aparelladas á celebración de festas con orquestra.

O Alcalde, José López Orozco, fai un chamamento a todos os cidadáns á responsabilidade dentro da diversión e invita a todos a saír á rúa para gozar da festa.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova