Imprimir

CORTAN O MARTES O TRAMO DA RONDA DA MURALLA ENTRE A PRAZA DA CONSTITUCIÓN E SAN ROQUE


13/1/2007

O próximo martes, día 16 de xaneiro, cortarase ao tráfico o treito da Ronda da Muralla comprendido entre a praza da Constitución e a rúa San Roque. Este corte débese á continuación das obras de reurbanización que a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo realizan no último treito da Ronda que quedaba por acondicionar e que se iniciaron o día 8 de xaneiro.

Estas obras están a levar un adianto importante polo que este corte realizarase antes do previsto.

A partir do martes, o tráfico será desviado da Ronda da Muralla á altura da intersección coa rúa Vilalba e retornará novamente á Ronda pola rúa San Roque. O desvío provisorio terá o itinerario seguinte: rúa Vilalba, praza Irmáns Pedrosa, rúa Anxo López Pérez, praza da Constitución, rúa Cidade de Vigo, rúa Hermanitas, rúa San Roque e Ronda da Muralla.

Os residentes do treito da Ronda da Muralla comprendido entre as rúas Cidade de Vigo e San Roque, accederán e sairán dos seus garaxes a través da praza de Comandante Manso, polo lugar habilitado ao efecto.

Con este cambio, refórmase tamén o sentido de circulación para os residentes, servicios do Colexio Pais Franciscanos e usuarios das cargas e descargas do recinto histórico. Estes grupos accederán, dende o 16 de xaneiro ata novas instruccións, pola Porta de Santiago e sairán pola Porta de San Pedro, que será aberta ao tráfico e disporá dun semáforo provisorio. O itinerario a seguir dentro do interior do recinto amurallado será: praza Pío XII, rúa dos Clérigos, rúa Deán Fernández Varela, rúa Alférez Provisional, praza Maior (lateral do Colexio PP. Franciscanos), praza do Campo Castelo e rúa San Pedro.

Os vehículos de máis de 3,5 metros de altura farán uso das zonas de carga e descarga da praza de Santo Domingo e da rúa Armanyá posto que non poden acceder pola Porta Santiago.