Cargando....
Concello de Lugo
06/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Abre ao tráfico a Ronda da Muralla


# Mércores, 23/05/2007
Tamén poderá circularse polo novo vial que atravesa o barrio da Mina e polas prolongacións de Manuel María e rúa Pomar

Mañá, xoves, abrirase novamente ao tráfico a Ronda da Muralla no tramo comprendido entre a Porta de Santiago e a Porta de San Pedro, unha vez practicamente rematadas as obras de reurbanización realizadas pola Xunta de Galicia.

Así o anunciou hoxe o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, que lembrou que aínda quedan uns poucos flecos por rematar pero que a rúa está preparada para o tráfico rodado. De feito, comezará a funcionar co desvío polas rúas Vilalba e Ángel López Pérez.

O que está aínda sen rematar é o tramo peonil entre a porta de Bispo Aguirre e a praza da Constitución, que se espera que poda estar listo no prazo dun mes.

Pola súa banda, o Gabinete de Tráfico ten todo listo para volver as rúas ás súas direccións orixinais no momento no que se abra a Ronda. Segundo se informou por parte da empresa construtora, as obras foron rematadas no menor tempo posible.

Tamén quedarán abertas ao tráfico o xoves dúas rúas de nova construcción. A primeira é o vial que une as rúas Galicia e San Roque a través do barrio da Mina. Corresponde este novo vial ao desenvolvemento das unidades de actuación CS 7 e CS 8, nas que haberá un amplo espazo de zona verde ademais de dotacións e edificios de nova construcción.

Esta obra tiña un orzamento de 1.440.000 euros e supón unha vía de comunicación fundamental entre estes dous barrios. Trátase por tanto dunha ampla rúa na que figuran dous carrís de circulación con zona de aparcamento.

Tamén o xoves quedará aberto ao tráfico rodado a prolongación da rúa Manuel María até confluír con Santo Grial. Nesta ocasión prolongouse a vía coas mesmas características da xa existente, é dicir con dous carrís de circulación en cada sentido e con aparcamento. Cun orzamento de 350.000 euros, é unha vía necesaria de comunicación entre o novo barrio de Abella e a zona de Infanta Elena.

Tamén o xoves abrirase ao tráfico a prolongación da rúa Pomar até a súa intersección coa avenida das Américas, á altura da nova rotonda. Trátase dunha nova vía de nova creación de dous carrís e con dous sentidos de circulación.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova