Imprimir

O CONCELLO CONVOCA DOUS CONCURSOS PARA ELIXIR OS CARTEIS DAS FESTAS DE SAN FROILÁN E SAN FROILANCIÑO


23/4/2007 O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto entre o 1 e o 12 de xuño

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, presentou esta mañá a convocatoria dos concursos para elixir os carteis anunciadores das Festas do San Froilán e das actividades do San Froilanciño 2007.

O Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2007 convida a todos os artistas, creadores e afeccionados a participar con traballos propios e orixinais que recollan o espírito das festas patronais lucenses, que están consideradas as máis populares de Galicia acadando na pasada edición máis de 700.000 visitantes. O motivo e as técnicas son libres e os únicos requisitos de participación son que nos deseños debe figurar o texto: “Lugo, San Froilán 2007, 4-12 de Outubro, Excmo. Concello de Lugo” e os lemas “Festa de Interese Turístico Galego” e “Fiesta de Interés Turístico Nacional”. Tamén deberá aparecer o logotipo do Concello.

A Concelleira destacou que “este concurso é unha oportunidade moi interesante para os novos creadores, pois o cartel terá unha tirada masiva e a súa difusión por toda España supón unha promoción para o artista gañador”. Ademais, “para aumentar o atractivo do concurso este ano, o premio ascende a 2.000 euros, aumentando con respeto ao ano pasado que foi de 1.500 euros” indicou a edil.


As bases serán distribuídas por todas as escolas de arte e deseño de Galicia e España, ademais de envialas a asociacións de artistas e creadores para fomentar unha maior participación e a calidade dos traballos.

O prazo para presentar os traballos nos dous concursos estará aberto entre os días 1 e ás 14:30 horas do 12 de xuño. Todos os interesados os poden entregalos ou envialos por correo postal á Concellería de Cultura e Turismo, situada na Praza Maior, n1º. 27001. Lugo. O xurado responsable da selección dos carteis estará formado por persoas cualificadas na materia.

San Froilanciño

Por segundo ano consecutivo, o Concello convoca o concurso de carteis San Froilanciño, que servirá para promocionar as actividades desta festa cun programa espacial para os máis pequenos.

Este certame vai destinado a rapaces menores de 15 anos, que poderán presentar as obras que desexen. As bases establecen como único requisito que figure o texto “Lugo, San Froilanciño 2007”. Os traballos deben ser orixinais e o motivo e as técnicas poden ser libres. A concelleira indicou que para este cartel non se busca a perfección técnica, senon que se valora a expresividade.

O premio consistirá nun agasallo acorde coa idade do gañador. Os traballos presentados ao concurso serán amosados nunha exposición.